A Deputación elaborará un novo catálogo de postos de traballo
Por Oskar Viéitez
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe de xeito definitivo os orzamentos do 2013.
Entre as enmendas ao texto figuraba unha proposta do sindicato Comisións Obreiras, que malia ser rexeitada logrou o compromiso por parte do vicepresidente económico da institución, José Manuel Figueroa, de realizar un novo catálogo de postos de traballo. Era unha das medidas reclamadas.
Este xesto é interpretado como "unha man tendida" aos sindicatos tralo enfrontamento que o goberno provincial e os representantes dos traballadores escenificaron nos últimos meses nos medios de comunicación.
Os sindicatos reclamaban con insistencia que se igualasen as condicións do persoal na institución provincial. Desde Comisións Obreiras denuncian as notables diferenzas entre o persoal de confianza con respecto ao funcionariado e o persoal contratado.
Ademais preténdese que o persoal adscrito aos organismos autónomos, agora integrados na estrutura central da Diputación, gocen das mesmas condicións que xa ten o persoal funcionario.