Reforzan a recollida de aceites usados instalando máis colectores en Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo, a través da Concellaría de Medio Ambiente, reforza a recollida de aceite vexetal usado coa instalación de cinco novos puntos de depósito destinado especificamente a este tipo de residuos. Así o confirmou o edil delegado desta área, quen explicou que esta acción é froito do convenio subscrito para este fin coa Deputación.
Dende o departamento municipal que dirixe José Luis Rodríguez animaron todos os veciños a separar os restos de aceite doméstico usado xa que constitúe, na actualidade, unha das principais causas de contaminación das augas residuais urbanas, dado que, en xeral, unha vez utilizados son vertidos polo desaugadoiro á rede de rede de sumidoiros, producindo atoamentos e malos olores nos canos.
"Estas verteduras fan que a depuración das augas sexa tremendamente custosa, ademais de dificultar o normal funcionamento das depuradoras", incidiu o edil, ao tempo que apuntou que en caso de non se producir unha total depuración destes aceites, "ao devolver ao medio a auga con aceite, contamina as concas internas, o mar e os acuíferos, interferindo na vida natural e degradando o entorno".
Ademais, tal e como explicaron dende a Concellaría de Medio Ambiente, o aceite na auga facilita a proliferación de microorganismos prexudiciais para a saúde.
SITUACIÓN
A praza pública de Vilalonga, o porto de Portonovo, a zona situada detrás do centro de saúde de Baltar, o lugar de Outeiro, en Dorrón; e ao lado do 'cruceiro' próximo á igrexa en Nantes, son os espazos onde os veciños poderán depositar o aceite usado, que deberá introducirse en botellas de plástico dun máximo de dous litros de capacidade.
Para calquera información acerca deste servizo, os interesados poden dirixirse á Oficina Municipal de Medio, en Vilalonga, ou formular os seus dubida a través do número de teléfono 986 744 909.
"Animamos os veciños a que utilicen estes colectores e a seguir apostando pola separación selectiva de residuos como roupa, papel-cartón, plásticos, vidro e envases", insistiu José Luis Rodríguez.