Vilagarcía duplica as cifras de reciclado de aceite usado en tan só tres anos
Por Redacción
Os datos do servizo de recollida de aceite doméstico usado demostran que veciños de Vilagarcía están cada vez máis concienciados co coidado do medio ambiente e as políticas de reciclaxe. En tan só tres anos as cifras case se duplicaron xa que dos 9.155 quilos que os veciños depositaron nos puntos de recollida en 2014, pasouse aos 17.805 quilos recollidos en 2016.
Os aspectos positivos destes resultados son moitos, pero o principal é que ao optar por depositar nos contedores específicos o aceite de cociña usado en lugar de desfacerse deles polo fregadeiro ou sumidoiros, os vilagarciáns impediron que se contaminasen 19.585.500 litros de auga.
Aparte do beneficio medioambiental, a boa práctica do reciclaxe deste residuo doméstico tamén supón un importante aforro enerxético e económico no que se refire aos custes de tratamento específicos para eliminar os residuos oleaxinosos das augas que chegan á planta de depuración municipal.
Evidentemente cada vez existe unha maior concienciación social, pero outro aspecto que influíu no incremento da reciclaxe do aceite de cociña usado nestes tres anos foi a ampliación do número de puntos de recollida. En 2014 existían 16 que se foron incrementando a partir de 2015 ata chegar aos 26 operativos na actualidade. Os depósitos específicos para aceite están distribuídos tanto por zonas do centro urbano como polas parroquias do rural.
A liña de contedores máis utilizada é a situada nas Carolinas. Seguíronlle os puntos da praza de abastos e de O Piñeiriño. Como é lóxico, os contedores máis utilizados polos cidadáns son aqueles situados en zonas urbanas nos que a poboación está moi concentrada.
Unha vez recollidos os residuos, o aceite de cociña usado transpórtase a unha planta de reciclaxe para a súa posterior transformación en biodiésel, un biocombustible vexetal que contribúe á conservación do medioambiente, posto que é renovable e limpo e non produce emisións de xofre. Ademais, reduce o desgaste do motor (maior lubricación) e pode ser usado por calquera vehículo diésel convencional sen necesidade de modificacións mecánicas.
O servizo de recollida de aceite de uso doméstico púxose a andar a finais de 2009. A súa utilización é gratuíta, tanto para o usuario, como para o Concello, grazas ao convenio de colaboración subscrito coa empresa Procesadora Gallega de Alimentos S.L., xestora de residuos autorizada pola Xunta de Galicia, que é a que se encarga de recoller os residuos e de reutilizalos como materia prima para a produción de biocombustible.