Sanxenxo destinará máis de 100.000 euros para custear o reforzo da súa Policía Local no verán
Por Redacción
Xa está en marcha a selección dos 24 auxiliares que reforzarán o labor da Policía Local de Sanxenxo durante a tempada de verán. En total, foron 62 persoas as que participan neste proceso selectivo, cuxas probas físicas se realizaron este martes.
Tras as probas de salto vertical realizadas no pavillón de Baltar, os aspirantes trasladáronse ao campo de fútbol de Portonovo para correr 1.000 metros lisos, o que permitiu ao tribunal medir a potencia do tren inferior e a resistencia xeral dos concorrentes. Neste caso, foron catro as candidatas que non superaron as tres voltas ao terreo de xogo dentro do tempo estipulado: catro minutos e medio para os homes e cinco para as mulleres.
Este xoves, a partir das 10.00 horas, terán lugar no Pazo Emilia Pardo Bazán as probas escritas, tipo test, para a avaliación dos coñecementos sobre os contidos do temario incluído nas bases da convocatoria, ademais de asistir a unha entrevista persoal, encamiñada a determinar o grao de coñecemento do termo municipal e da toponimia local.
Pola súa banda, as 10 persoas que non acreditaron documentalmente o seu coñecemento da lingua galega deberán someterse a un exame sobre este idioma.
Nos próximos días, o tribunal publicará, tanto na páxina web coma no taboleiro de anuncios da casa do concello, a lista de admitidos que terán que acudir ao curso que se desenvolverá na Academia Galega de Seguridade Pública, situada na Estrada.
Alí, os auxiliares da Policía Local adquirirán coñecementos sobre un temario integrado por doce unidades relacionadas co tráfico, o dereito penal, o dereito administrativo, os atestados e o rueiro, entre outros.
Unha vez que os contratados se incorporen ao equipo da Policía Local tamén recibirán docencia sobre aspectos concretos do municipio e a regulación do tráfico.
Para a contratación destes 24 auxiliares, o Concello de Sanxenxo destinará 103.763,95 euros. Formalizaranse 10 contratos de duración determinada a xornada completa de luns a domingo, cos correspondentes días de descanso semanal, por un período máximo de tres meses de duración e outros 14 por dous meses.