Sanxenxo busca 24 auxiliares de Policía Local para o verán
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo busca auxiliares de Policía Local para o verán. Ata o 6 de maio mantén aberto o prazo para presentar solicitudes e poder concorrer ao proceso de selección.
Debido ao aumento de poboación durante os meses estivais obriga a reforzar o persoal de forma temporal en diversos departamentos de Sanxenxo, entre eles o da Policía Local, segundo indicou a concelleira de Seguridade, Vanessa Rodríguez.
O goberno local pretende incorporar a 24 auxiliares con 10 contratos de tres meses de duración a xornada completa de luns a domingo, cos correspondentes días de descanso semanal. Outros 14 contratos serán por dous meses. En ambos os casos, sempre entre xuño e setembro.
Os aspirantes deberán contar co título de Graduado Escolar, ESO, Bacharelato ou equivalente, ser maior de idade, ter nacionalidade española e a capacidade funcional para o desempeño das tarefas. Ademais, non poderán presentarse aquelas persoas que fosen condenadas por delito doloso nin estar inhabilitados para o exercicio das funcións públicas nin separado do servizo das administracións públicas.
Os dereitos de exame teñen un custo de 7,73 euros, agás nos casos de persoas que teñan o cartón de demandante de emprego en vigor. Ademais terán que presentar o currículo detaqllado coa documentación que o acredite e un certificado médico acreditativo de non padecer unha enfermidade ou defecto físico que lle impida exercer a función de auxiliar de policía.
A entrega da documentación ten que facerse no Rexistro Xeral do Concello de Sanxenxo antes do peche de atención ao público o venres 6.
O procedemento para a selección do persoal será os días 11 e 12 mediante oposición. Realizarase un control de estatura e como mínimo os homes deberán medir 1,65 metros mentres que as mulleres teñen como límite o 1,60. Ademais terán que superar unhas probas físicas de salto vertical e de 1.000 metros lisos de carreira para medir a potencia do tren inferior e a resistnecia.
Por último, os candidatos deberán enfrontarse a unha proba escrita, tipo test, sobre os contidos que figuran nas bases da convocatoria e asistir a unha entrevista persoal na que se avaliará o coñecemento do termo municipal e da toponimia local.
As persoas que non acredite documentalmente saber a lingua galega, terán que someterse a unha proba para determinar o seu dominio.