Medio Ambiente autoriza as obras de mellora en 23 quilómetros de sendeiros marítimos de Sanxenxo
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas trasladou ao Concello de Sanxenxo a autorización necesaria para acometer unha serie de obras en varios sendeiros que se encontran na zona de servidume de protección do Dominio Público Marítimo-Terrestre.
Trátase concretamente de 23 quilómetros de sendeiros marítimos en Sanxenxo, Areas, Canelas, Montalvo, Major e A Lanzada.
As obras consisten no acondicionamento dos sendeiros para a súa posta en valor e para desfrute dos veciños, centrándose na sinalización e información que se recolle no proxecto de miradoiros e sendeiros azuis do municipio.
As cinco sendas nas que se actuará son: a que une Sanxenxo e Portonovo (9.735 metros), o sendeiro litoral de Areas- Punta Festiñazo (738 metros), de Canelas a Cabicastro (de 3.237 metros), de Montalvo a Major (6.556 metros) e o sendeiro máxico da Lanzada (3.194 metros).
As obras deberán iniciarse nun prazo máximo de catro meses.