Sanxenxo sinalizará os miradoiros e sendeiros do litoral marítimo
Por Redacción
O Goberno sanxenxino reforzará o valor paisaxístico e ambiental dos miradoiros e sendeiros do litoral marítimo instalando para iso paneis indicativos con información destacada sobre as características destes espazos.
As actuacións a desenvolver centraranse nos paseos costeiros que unen Sanxenxo e Portonovo, Areas e Punta Festiñanzo, Canelas e Cabicastro, Montalvo e Major, así como a senda máxica da Lanzada, que suma unha lonxitude total de 23.460 metros.
A intervención consistirá na colocación dunha sinalización uniforme, diferenciada tan só na elección de materiais segundo a natureza urbana ou rústica do espazo, consistente en paneis xerais, mesas, postes de seguimento e valado e carteis nas vías de acceso.
Con iso, o Executivo sanxenxino aposta por completar a oferta turística existente. "A costa é o noso maior patrimonio e debemos potenciar o seu uso e goce por parte da cidadanía", comentaron os responsables municipais.
O Concello pretende obter o financiamento necesario para acometer este proxecto cuantificado en preto de 60.000 euros, a través do Plan Provincial de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra.
A intención do equipo de Goberno é instalar sete paneis urbanos, 3 mesas de información e 18 postes de seguimento na ruta de 9.735 metros que vai de Sanxenxo a Portonovo, que opta ademais á distinción 'Sendeiro Azul' concedida por ADEAC.
No camiño comprendido entre Areas e Punta Festiñanzo, de 738 metros, emprazaranse dous paneis rústicos, dúas mesas de información e dúas frechas direccionais; mentres que nos 3.237 metros que enlazan Canelas e Cabicastro a sinalización estará conformada por tres paneis, dúas mesas, dezanove postes de seguimento, catro frechas direccionais, e catro carteis de estrada.
Pola súa banda, o percorrido de 6.556 metros entre Montalvo e Major contará con tres paneis, dúas mesas, vinte e seis postes, seis frechas direccionais e oito carteis nas vías.
Nos 3.194 metros que constitúen o sendeiro litoral máxico da Lanzada, que discorre entre a ermida e o xacemento arqueolóxico, situaranse tres paneis, tres mesas, catro postes, catorce metros de valado, dúas frechas direccionais e catro carteis de estradas.