Pontevedra súmase ao Grupo de Acción Costeira da Ría e poderá acceder a novas axudas europeas
Por Alejandro Espiño
A pesar de contar con dúas confrarías -San Telmo e Lourizán-, Pontevedra non estaba adherido ao Grupo de Acción Costeira da Ría de Pontevedra "porque a Xunta quixo deixar fóra ás cidades", segundo o alcalde. Pero os criterios cambiaron e agora requírense máis municipios para poder manter un destes grupos. Así, a esta iniciativa -formado actualmente por Bueu, Marín, Poio e Sanxenxo- sumarase Pontevedra.
Esta decisión, que será aprobada no próximo Pleno da corporación municipal, permitirá que Pontevedra acceda a unha nova linea de fondos europeos, o que será especialmente relevante para a xente que traballa no sector pesqueiro e marisqueiro. As confrarías de Lourizán e Pontevedra poderán ser beneficiarios das axudas europeas que se xestionen a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP 2014-2020) en Galicia.
Entre os obxectivos principais do Grupo de Acción Costeira están a sostibilidade do desenvolvemento da zona costeira, o aproveitamento dos produtos locais e a posta en valor do patrimonio natural e cultural.
Ademais, como obxectivos transversais, figuran a promoción da igualdade da muller en todos os ámbitos, a promoción da accesibilidade e a universalización dos servizos baseados nas novas tecnoloxías e na sociedade da información. Finalmente, inclúense as prácticas sostibles e respectuosas co medio ambiente e a posta en valor dos recursos naturais.
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
O Pleno tratará tamén, entre outras cuestións, a modificación de crédito necesaria para asumir o pagamento de produtividade aos funcionarios municipais, unha moción do PP sobre o saneamento da ría e efectuarase o sorteo para elixir aos integrantes das mesas electorais nos comicios locais do próximo 24 de maio.