Ábrense novas liñas de financiamento ao sumarse Pontevedra ao Grupo de Acción Costeira
Por Redacción
Por vez primeira, Pontevedra formará parte do Grupo de Acción Costeira (GAC) da ría de Pontevedra. Esta situación permitiralle ao sector a posibilidade de optar a novas liñas de financiamento ao abeiro dos fondos de desenvolvemento da Unión Europea.
Así o explicou este luns a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, que indicou que os GAC son zonas territoriais unidas por un fío condutor, neste caso o mar.
Para darlle contido a esta posibilidade, están convocados este martes ás 20.00 horas na Casa da Luz todos os colectivos interesados en coñecer as posibilidades do GAC e colaborar na definición da súa estratexia de traballo.
O obxectivo será deseñar a estratexia e prioridades de actuación para os catro próximos anos, nos que Galicia ten asignados 60 millóns de euros.
Os eidos de traballo do GAC-Pontevedra serán náutica, turismo, diversificación das actividades económicas do sector do mar, patrimonio e medio ambiente.
Ademais de Pontevedra, ao GAC uniuse tamén o concello de Meaño. O grupo se completa cos municipios que xa estaban integrados nel: Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu.