UGT pide que se incremente o número de operarios na recollida de lixo en Poio durante o verán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O sindicato UGT volve denunciar a situación laboral dos traballadores do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo no Concello de Poio. O sindicato reclama o rescate da concesión que, na actualidade, mantén a empresa Cespa en período de prórroga tras xudicializarse o proceso de concurso da limpeza debido a un erro de puntuación que está a ser dirimido polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais no conflito entre as empresas Ascan, nova adxudicataria, e Valoriza.
Segundo Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, e Carlos Corredoira, responsable da área de Servizos de Limpeza, ofreceron este mércores 21 unha rolda de prensa na que denuncian a situación de incremento de traballo que sofren os traballadores. E por este motivo, reclaman que se contraten máis empregados durante o verán cando ascende o lixo en 4 toneladas.
Carlos Corredoira apunta que dende o ano 2000 se mantén o equipo de trece traballadores cando, non obstante, se pasou das 14 toneladas diarias de recollida de lixo ás 24 toneladas actuais. Dende UGT entenden que serían necesarios 18 traballadores para acometer estes labores e ofrecer un bo servizo aos veciños de Poio.
O persoal anunciou que a partir do 1 de maio se axustarán ao horario estrito e non realizarán horas extra como medida para denunciar a mala situación que atravesa o servizo de recollida de lixo. Dende UGT alertan de que diferentes asociacións veciñais están a manter reunións co Concello para mostrar as súas queixas polo mal funcionamento da limpeza viaria.
Ramón Vidal insiste en que se realizou unha chapuza co concurso para unha concesión de 16 anos máis dous de prórroga e denuncia que o goberno de Luciano Sobral está a realizar unha práctica contraria á liña marcada polo voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que reclama o rescate dos servizos privatizados.
Relacionadas:
-
Os traballadores do servizo de limpeza de Poio visibilizarán o seu conflito laboral no pleno
Por Redacción |
-
Valoriza asume a limpeza e recollida de lixo en Poio con 13 traballadores e catro máis de reforzo no verán
Por Alejandro Espiño |
-
UGT arremete contra o alcalde de Poio pola adxudicación do servizo de recollida de lixo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UGT denuncia que o novo contrato de lixo de Poio condena a "precarización" do servizo e os traballadores
Por Natalia Puga |