UGT arremete contra o alcalde de Poio pola adxudicación do servizo de recollida de lixo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Juan Carlos Corredoira e Ramón Vidal, representantes de UGT, exteriorizaron o malestar no que se encontra o grupo de traballadores do servizo de recollida de lixo no concello de Poio despois de que o goberno local preadxudicase a concesión á empresa Ascán, unha entidade que xa realiza ese servizo de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos no concello de Sanxenxo.
Os representantes sindicais sinalaron que o contrato "é á baixa". A empresa rebaixou a 600.000 euros os 800.000 que se recollían no prego de condicións e Juan Carlos Corredoira entende que, con esta cifra, as contas non saen se se suman os gastos que leva consigo o mantemento do equipo, a adquisición de maquinaria e os beneficios empresariais. Ademais, a concesión é por un período de 16 anos, prorrogables por dous máis.
Por este motivo, dende UGT entenden que esta rebaixa irá en detrimento do persoal ou do servizo de recollida que se realice. A empresa, segundo as condicións establecidas na preadxudicación, comprométese a ampliar o número de traballadores dos 13 actuais a 17. Non obstante, segundo manifestou Juan Carlos Corredoira, o goberno local de Poio está a aplicar criterios economicistas e non de calidade. Por este motivo, alertan que responsabilizarán o alcalde nacionalista, Luciano Sobral, en caso de que se produzan problemas e conflitos con motivo da adxudicación a Ascán.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, reclama o rescate da concesión para que o servizo sexa público cunha boa cobertura para os cidadáns. Corredoira, pola súa banda, cualifica ao goberno do BNG de Poio de "hipócrita" porque "venden unha cousa e fan outra".
Relacionadas:
-
UGT pide que se incremente o número de operarios na recollida de lixo en Poio durante o verán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Seis empresas aspiran á concesión do servizo de lixo en Poio
Por Redacción |
-
Os traballadores rexeitan o prego de condicións do novo servizo de limpeza de Poio
Por Anxo Lourido |
-
UGT denuncia que o novo contrato de lixo de Poio condena a "precarización" do servizo e os traballadores
Por Natalia Puga |