Sanxenxo ten a primeira oficina de turismo de Galicia distinguida coa Q de Calidade
Por Redacción
O Instituto para a Calidade Turística Española acaba de distinguir á Oficina de Turismo de Sanxenxo coa Q de Calidade, de tal forma que as instalacións situadas no porto deportivo Juan Carlos I se converten nas primeiras de Galicia xestionadas por un concello que obteñen este galardón.
A alcaldesa, Catalina González, recorda que se trata de "un selo de prestixo nacional que referenda a nosa aposta pola excelencia turística neste destino de referencia do norte de España", e que recibila supón "un novo impulso ao traballo que vimos desenvolvendo dende a Administración local por certificar os servizos públicos dentro da liña de colaboración público-privada que mantemos neste eido xa que é preciso a implicación de todos".
Segundo indicou, o Concello aspira a converter a Sanxenxo no municipio con máis selos de calidade de España, dado que xa é o primeiro de Galicia en adhesións ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino e vai á cabeza das Q de Calidade.
O Concello de Sanxenxo mantén "un forte compromiso" coa Q de Calidade, que xa conseguiron para as praias de Silgar, Areas e Canelas, o porto deportivo Juan Carlos I e a oficina de turismo, e que esperan obter tamén para os areais de Montalvo, Caneliñas, Baltar, A Lapa, Areas Gordas e Major.