Sanxenxo, o municipio galego con máis selos de calidade turística
Por Redacción
Sanxenxo conta con 123 selos do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED), converténdose no municipio galego con máis distintivos. Así o revelou o Concello nun comunicado no que anuncia que a alcaldesa, Catalina González; o presidente da sociedade estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), Antonio López de Ávila; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; entregarán o próximo mércores día 8 os distintivos SICTED a 71 establecementos.
Destes establecementos, seis logran por primeira vez este selo de calidade e outros 65 renovan a certificación nesta convocatoria. No acto, que terá lugar ás 11.00 horas no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán, participarán tamén o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González, e o seu homólogo do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), Alejandro Touriño.
Sanxenxo suma un total de 97 empresas, tanto pertencentes ao sector público como ao privado, adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino que promove a Secretaría de Estado de Turismo "o que converte a este destino turístico no municipio de Galicia con maior número de galardóns de calidade", sinalou a rexedora local, ao tempo que subliñou que "o mesmo acontece coa Q de Calidade xa que contamos con 26 firmas distinguidas".
Os 123 selos en total demostran, a xuízo de Catalina González, "a aposta indiscutible por facer da calidade dos nosos establecementos, servizos e produtos turísticos un feito diferencial e competitivo con respecto a outros destinos".
Relacionadas:
-
Sanxenxo, premio ao mellor destino turístico Sicted 2015 de España
Por Redacción |
-
Gonzalo Pita recollerá en Madrid as bandeiras ‘Q de Calidade’ para o porto e tres praias
Por Redacción |
-
Sanxenxo ten a primeira oficina de turismo de Galicia distinguida coa Q de Calidade
Por Redacción |
-
Terra de Sanxenxo busca informadores de turismo
Por Redacción |
-
Sanxenxo busca empresas que se sumen ao Sistema Integral de Calidade Turística
Por Redacción |