O PSOE é incapaz de pedir un pleno extraordinario sobre a imputación do presidente, pero Louzán dará explicacións igual
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Socialista foi incapaz de reunir os apoios suficientes para poder forzar a convocatoria dun Pleno Extraordinario para que o presidente da Deputación, Rafael Louzán, informase sobre a súa comparecencia como imputado no xulgado de Cambados no marco da investigación aberta polos supostos sobreprecios cobrados nos alugueres duns locais comerciais en Navia.
O voceiro socialista e secretario provincial do PSdeG, Santos Héctor, nin sequera chegou a formular pregunta ningunha sobre este tema na sesión plenaria deste venres.
Ante esta actitude, dado que Santos Héctor adiantara aos medios de comunicación a súa intención de facelo, foron os xornalistas os que preguntaron a Louzán pola iniciativa frustrada.
O presidente sinalou que o PSOE non conta cos apoios mínimos para forzar esta convocatoria e que ademais esta "non reúne os requisitos" necesarios para saír adiante xa que "se trata dun asunto persoal que non afecta ao ámbito propio da Deputación".
Non obstante Louzán asegura ser "unha persoa aberta" e dixo estar disposto a dar explicacións á Corporación Provincial, será "no seu momento oportuno", en todo caso, "primeiro farémolo en sede xudicial e logo aquí".
Deste modo Louzán adiantou a súa intención de declarar ante o xuíz. Asegurou que se non o fixo ata agora foi por consello da súa avogada que lle recomendou que se acollese ao seu dereito a non declarar. A letrada interpoñerá recurso de reposición contra o auto do xuíz que decreta que se siga adiante co procedemento.
Relacionadas:
-
Os socialistas "non queren responsabilidades pero sí explicacións" de Rafael Louzán ante o pleno
Por Oskar Viéitez |
-
O xuíz decide seguir adiante coa causa por aceptación de suborno contra Louzán e el opta por non declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O xulgado rexeita o arquivo da causa contra Louzán, a súa esposa e un deputado de Pazos de Borbén
Por Redacción |