O xulgado rexeita o arquivo da causa contra Louzán, a súa esposa e un deputado de Pazos de Borbén
Por Redacción
O Xulgado mixto número dous de Cambados acordou incoar procedemento ante o tribunal do xurado na causa que se segue por presuntas irregularidades no aluguer e compra de inmobles por parte do presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán; a súa esposa, María Teresa Cores Fernández, como cotitular dos baixos comerciais investigados; e quen os arrendou o deputado do PP de Pazos de Borbén, Severino Reguera Varela.
Segundo informa o gabinete de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no mesmo auto, o xuíz responde que non ten lugar ao arquivo da causa solicitado en novembro polos dous primeiros imputados anteriormente mencionados.
Indícase no auto que o resultado das dilixencias de indagación realizadas permite soster que os feitos investigados poderían dar lugar a un delito de suborno impropio no caso do deputado e a un delito continuado de suborno no caso do presidente da Deputación e a súa esposa.
A investigación aberta pola Fiscalía de Delitos Económicos de Pontevedra deriva dunha denuncia anónima presentada no ano 2013 tras facerse pública a declaración de bens patrimoniais dos deputados provinciais, e que relaciona Rafael Louzán e a súa muller co cobramento dun prezo de aluguer de baixos comerciais moi por enriba do estipulado para outros inmobles similares na zona de Navia na cidade viguesa. O deputado 'popular' Severino Reguera é quen ten arrendados eses locais.
No caso de Louzán e a súa muller a querela presentouse polo delito de suborno continuado do artigo 422 do Código Penal, que recolle a actuación da "autoridade ou funcionario público que, en proveito propio ou dun terceiro, admitise, por si ou por persoa interposta, dádiva ou regalo que lle foren ofrecidos en consideración ao seu cargo ou función,". O delito pode derivar nunha pena de prisión de seis meses a un ano e a suspensión de emprego e cargo público dun a tres anos.
No caso do deputado Severino Reguera, a imputación é polo delito de suborno impropio continuado do artigo 424 Código Penal, un delito no que se persegue o "particular que ofrecer ou entregar dádiva ou retribución de calquera outra clase a unha autoridade, funcionario público ou persoa que participe no exercicio da función pública para que realice un acto contrario aos deberes inherentes ao seu cargo ou un acto propio do seu cargo, para que non realice ou atrase o que debese practicar, ou en consideración ao seu cargo ou función". Será castigado coas mesmas penas de prisión e multa que a autoridade, funcionario ou persoa corrompida.
Relacionadas:
-
A Fiscalía pide un ano de prisión para Louzán por un delito de aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
O PSOE é incapaz de pedir un pleno extraordinario sobre a imputación do presidente, pero Louzán dará explicacións igual
Por Oskar Viéitez |
-
O xuíz decide seguir adiante coa causa por aceptación de suborno contra Louzán e el opta por non declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Louzán, molesto co Xulgado pola falta de notificación sobre o rexeitamento do arquivo da súa causa
Por Redacción |
-
Louzán declarará como imputado por 'cohecho' continuado no caso dos alugueres de Vigo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Fiscalía presentará unha querela pola investigación na que se implica a Louzán, a súa esposa e un deputado
Por Redacción |
-
A Xunta de Fiscais de Pontevedra acorda xudicializar as dilixencias contra Louzán
Por Redacción |
-
Louzán declara ante o fiscal sobre o seu patrimonio pola denuncia dun particular
Por Redacción | Creada e actualizada