Nesta canceira vívese mellor
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un aspecto mellorado, con menos ruído e, sobre todo, con mellores condicións hixiénico-sanitarias. Así se ve a canceira municipal de Campañó tras a reforma integral realizada ao longo do último ano e medio. As obras aínda non están concluídas, falta rematar o tellado, pintar e facer os últimos retoques, pero a mellora resulta xa evidente a simple vista e tanto o Concello coma a asociación protectora Os Palleiros insisten en que "as condicións de vida dos cans melloraron substancialmente".
O concelleiro de Sanidade Animal de Pontevedra, Miguel Filgueira, visitou este venres as instalacións para comprobar o avance das obras, que se prevé que estean rematadas nun prazo de ao redor de dez días, e explicou que a actuación supuxo un investimento duns 300.000 euros. A primeira fase dos traballos centrouse fundamentalmente na construción de 45 novos canís e custou 200.000 euros. A segunda fase, que está a punto de rematar, supuxo un desembolso duns 100.000 euros, ao estar acometida tanto por unha empresa externa coma polas brigadas municipais e os propios voluntarios da canceira.
As obras incluíron a mellora do tellado, cambiar o anterior chan de terra de todo o recinto por un pavimento de cemento pulido, a recollida de todo o saneamento, renovar as instalacións de electricidade e fontanaría, habilitar unha clínica de primeiros auxilios e distintas seccións para postoperatorios, maternidade ou oficinas.
As instalacións non ampliaron a súa capacidade, que segue estando en 150-160 cans, pero si melloraron a calidade de vida dos cans en aspectos como a limpeza e hixiene ou eliminar as situacións de amoreamento que sufrían antes. En cada canil hai agora un máximo de tres animais e, ademais, hai varios patios pechados aos que poden saír con tranquilidade. Ao deixar de estar amoreado, o índice de enfermidades baixou e, ademais, están máis tranquilos e non pasan o día a ladrar en sinal de protesta pola súa incomodidade.
A pesar da mellora das instalacións, a protección dos animais abandonados segue presentando algunhas deficiencias derivadas da gran cantidade de cans existentes na actualidade. Este mesmo venres o pesonal da canceira encontrou un cachorro abandonado na porta e este xoves unha cadela embarazada, proba de que segue habendo un índice alto de abandonos e falta de conciencia social. Na actualidade, hai en Campañó entre 170 e 180 cans e, dende a directiva de Os Palleiros, Betty Suárez alerta de que "de media, por cada catro abandonos hai unha adopción".
As instalacións non poderán inaugurarse ao entrar xa en período pre electoral, pero está previsto que Os Palleiros faga unha xornada de portas abertas unha vez que as obras están rematadas para mostrar á cidadanía de Pontevedra o aspecto mellorado da canceira municipal, na que actualmente traballan tres coidadores e unha veterinaria, pero que non sería posible manter aberta sen a colaboración dos voluntarios que acoden a diario e sen as achegas dos socios e doazóns (o Concello colabora con 26.000 euros anuais e asumindo o mantemento das instalacións).
A xenerosidade dos pontevedreses coa protectora é visible xa na propia porta da canceira. A raíz das obras quedou inhabilitado temporalmente o punto no que se almacenaban os tapóns que os cidadáns doan para axudar ao servizo e decenas de bolsas de plástico cheas se amontoan na porta lanzando unha mensaxe de gratitude a quen coa súa axuda permite mellorar as condicións de vida dos seus moradores.
Relacionadas:
-
Os Palleiros ilustra o seu calendario 2016 con selfies de familias e cans adoptados
Por Redacción |
-
Propoñen desenvolver unha campaña contra o abandono en Pontevedra
Por Redacción |
-
200 quilos de penso e salchichas para Os Palleiros
Por Redacción |
-
Novas Xeracións do PP de Pontevedra organiza unha recollida de alimentos para a Protectora Os Palleiros
Por Redacción |
-
Propoñen que o Concello redacte unha ordenanza de protección animal
Por Oskar Viéitez |
-
A canceira municipal xestionou 344 adopcións de cans no que vai de ano
Por Diego Espiño |
-
Conclúe a primeira fase de mellora na canceira municipal
Por Diego Espiño |
-
A reforma da canceira custará cinco veces menos do inicialmente previsto
Por Oskar Viéitez |
-
Os Palleiros alerta da situación "límite" da canceira: "Nos llega un perro abandonado casi cada día"
Por Alejandro Espiño |