Cambio á fronte dos empresarios pontevedreses: Jorge Cebreiros, novo presidente da CEP
Por Redacción
Os empresarios da provincia estrearán presidente. O vigués Jorge Cebreiros impúxose pola mínima ao seu único opoñente, o ata agora presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Luis Novoa.
Nunha das eleccións con máis participación das que se recordan nesta asociación -votaron un 90% das persoas con dereito a voto-, a candidatura encabezada por Cebreiros logrou 131 votos, fronte aos 128 que conseguiu Luis Novoa. Outros dous votos foron en branco.
Tras coñecer os resultados, o novo presidente da CEP lanzou unha mensaxe de "unidade" e asegurou que, dende este venres "non haberá feridas abertas" nin tampouco "oposición nin goberno", pois todos seguen sendo empresarios e seguirán "traballando unidos". Indicou que "baixo ningún concepto deixaremos de ser empresarios" e adiantou que quere contar con Luis Novoa, presidente dende decembro de 2013, "pola súa experiencia".
A Asemblea Xeral Extraordinaria Electoral tivo lugar este xoves na sede da confederación a partir das 17.00 horas. Foi un proceso no que tiveron dereito a voto 286 vocais que, ademais de ao presidente, elixiron os tres vicepresidentes de Servicios, Comercio e Territoriais e aos 37 integrantes do Comité Directivo. Unha vicepresidencia, a de Industria, quedou vacante polo momento.
Entre os tres vicepresidentes estará o pontevedrés José Manuel Valenzuela, elixido como responsable de Territoriais. Ademais, José María Corujo e Lucía Pedroso, presidentes de AEMPE e AJE Pontevedra respectivamente, son dous dos 37 vogais electos do novo comité directivo deste organismo empresarial.