Ponte Caldelas aproba, só cos votos do PP, destinar o seu remanente orzamentario a investimentos
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas logrou acumular un remanente de tesouraría superior aos 100.000 euros no exercicio económico correspondente a 2014. Así o anunciou no Pleno da corporación municipal o alcalde, Perfecto Rodríguez. Un diñeiro que, por proposta do PP, se destinarán na súa maior parte a novos investimentos no municipio. A oposición, formada por PSdeG-PSOE e BNG, abstívose.
En concreto, Ponte Caldelas destinará unha contía de 77.059 euros para financiar o plan de investimentos para 2015, reducindo así a operación de préstamo prevista para este ano a só 64.400 euros. Realizarase coa Caixa de Anticipos da Deputación, para evitarse así pagar intereses. Con esta medida redúcese aínda máis a débeda do Concello que pasará a estar por debaixo do 34% dos seus recursos ordinarios, cando o límite está no 75%.
En defensa desta proposta, Perfecto Rodríguez manifestou que o nivel de endebedamento do Concello "é moi baixo e perfectamente asumible" destinando unha pequena parte do presuposto cada ano á súa amortización. "O importante é que cada ano poidamos seguir reducindo esa débeda pouco a pouco pero sen renunciar a realizar investimentos, tal e como facemos aquí", afirmou no Pleno.
Finalmente, a corporación aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención dos catro edís da oposición a modificación presupostaria que permitirá achegar uns 17.000 euros á subvención da Xunta de Galicia para a construción dunha pista de pádel ao aire libre, de utilización pública e gratuíta, que se fará na área deportiva de Chan da Barcia, entre a pista de tenis e o pavillón municipal. O seu investimento superará os 50.000 euros.
Esta última decisión espertou as críticas do voceiro do PSdeG-PSOE, Andrés Díaz. O socialista asegurou que "esta medida tan urxente e imprescindible é claramente electoralista", xa que recorda que durante todos estes anos o Concello de Ponte Caldelas "non se acordou de que este deporte está moi solicitado, cando na maioría dos concellos dispoñen deste tipo de pistas dende hai anos".