Ponte Caldelas destinará a investimentos parte do remanente de 100.000 euros obtido en 2014
Por Redacción
Ponte Caldelas liquida o exercicio económico de 2014 con estabilidade presupostaria e un remanente de tesouraría para gastos xerais superior a 100.000 euros, segundo informan dende o goberno local.
Desta forma, o alcalde Perfecto Rodríguez levará ao próximo pleno municipal unha proposta para utilizar recursos do remanente para financiar unha parte do plan de investimentos previsto no presuposto económico de 2015. Con esta medida utilizaríase unha cantidade de 77.059 euros para financiar ese plan de investimentos, co obxectivo de reducir a operación de préstamo prevista para este ano á cifra de 64.400 euros que se realizará coa Caixa de Anticipos da Deputación, para evitar o pagamento de intereses.
Con esta medida redúcese a débeda do Concello que, segundo as mesmas fontes, pasará a estar por debaixo do 35% dos recursos ordinarios municipais, cando o límite está situado no 75%.
A pesar de que a Lei de Estabilidade Presupostaria non permite utilizar a totalidade do remanente para financiar investimentos, o alcalde de Ponte Caldelas ten previsto realizar un investimento parcial e asegura que "o nivel de endebedamento do Concello é moi baixo e perfectamente asumible destinando unha pequena parte do presuposto cada ano á súa amortización. O importante é que cada ano poidamos seguir reducindo esa débeda pouco a pouco pero sen renunciar a realizar investimentos". Segundo indica o propio rexedor, Ponte Caldelas nunca tivo que acudir ao plan de pagamento a provedores que aprobou o Goberno para os Concellos e as Comunidades Autonómicas, pagando as facturas nun prazo máximo de 30 días.