O estudantado pontevedrés sae á rúa contra os recortes e a masificación
Por Redacción
Os estudantes universitarios e de ensinanzas medias de Pontevedra sairán á rúa este xoves 26 de febreiro para berrar "cunha soa voz" contra os recortes na educación, contra a masificación das aulas, contra a precarización da situación laboral do profesorado e contra as políticas gobernamentais que, ao seu xuízo, están a provocar que a universidade sexa cada vez máis un servizo que moi poucas persoas poden pagar.
A protesta está convocada a nivel de toda España co apoio de numerosas asociacións de estudantes e políticas. En Pontevedra o único colectivo dos convocantes que ten grupo estable é a Liga Estudantil Galega (LEG), que este luns presentou o acto central da xornada: unha manifestación que sairá ás 12.00 horas da praza da Peregrina.
Entre os motivos que lles levan a saír á rúa figuran "recortes, miseria e a cada vez maior falta de expectativas que os estudantes teñen de cara ao seu futuro", unha situación que engloban como "ataques" contra o ensino público que están a realizar os gobernos do PP a nivel estatal e autonómico.
As políticas e reformas educativas ás que mostrarán o seu rexeitamento na rúa están a motivar, no caso de Pontevedra que "cada vez máis persoas teñan que abandonar os estudos por non poder afrontar os gastos", segundo denunciou Rebeca Cambeiro, da LEG.
"Cada vez máis persoas teñan que abandonar os estudos por non poder afrontar os gastos"
Outro dos compañeiros do colectivo estudantil en Pontevedra, Javier Brea, alerta de que se están a chegar a situacións de "precarizar aínda máis o sistema educativo" e de que as políticas educativos que se están a desenvolver deixan o seu rastro en Pontevedra en forma de, por exemplo, falta de profesorado ou "problemas de transporte e vivenda" de moitos estudantes. Na facultade de Belas Artes a principios de curso houbo estudantes que tiveron dificultades porque aumentaron os gastos asociados á adquisición de material específico de determinadas materias.
A LEG fai un chamamento a todo o estudiantado a defender "o que é noso", protestar contra os recortes e loitar "por unha educación popular, non patriarcal, galega, científica e de calidade" na que non deberían ter oco reformas como o pretendido sistema 3 +2 potenciado pola Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) promovida polo ministro José Ignacio Wert.
O xoves 26 a manifestación pontevedresa empezará e rematará na Peregrina e, ao seu termo, lerán un comunicado no que denunciarán que, ademais, os recortes nas bolsas de estudo, a segregación por sexos ou a situación da lingua galega, que "está a sufrir a súa peor crise, da historia".