Os estudantes maniféstanse polas rúas de Pontevedra contra o 3+2 nas carreiras universitarias
Por Mónica Patxot
Centos de estudantes percorreron este xoves as rúas de Pontevedra en manifestación para protestar contra o decreto 3+2 do Ministerio de Educación, que permite ás universidades modificar a estrutura actual dos graos e másteres, catro anos máis un, e crear carreiras de tres e posgraos de dous.
Convocados polos Comités de estudantes e a Liga Estudantil Galega, os mozos criticaron "a última ocorrencia do Ministro Wert" entre outras razóns, porque encarecerá os estudos ao ser máis caro facer un máster, e expulsará os alumnos da universidade xa que moitos só realizarán o grao de tres anos.
A manifestación saíu a mediodía da praza da Peregrina percorrendo a continuación diversas rúas da cidade coreando consignas como: "O ensino é un dereito e non un privilexio", "Non á privatización", "Queremos estudar e non emigrar", "O público e servizo, o privado beneficio", "Os vosos sobres son os nosos recortes".
Tras percorrer varias rúas do centro da cidade a mobilización retornou de novo a Praza da Peregrina onde representantes da Liga Estudantil Galega deron lectura ao manifesto asinado polos 16 colectivos convocantes desta xornada de paro. "Estamos aquí para amosar a nosa oposición á Lomce, ao decreto do 3+2, á Estratexia Universidade 2015 e a todas as medidas que fan que os estudos sexan máis precarios", salientou Rebeca Cambeiro, responsable comarcal desta organización estudantil.
"Aínda que é máis difícil de contabilizar, estimamos que o seguimento da folga na Universidade é dun 70% aproximadamente", dixo Rebeca Cambeiro. Neste senso, a voceira desta organización estudantil incidiu en que aínda que o paro fora convocado antes da súa aprobación, o decreto que permite reducir os graos a tres anos e ampliar os mestrados converteuse nun dos motivos centrais dunha mobilización que se viu precedida do peche que a Liga Estudantil Galega levou a cabo a pasada noite na Facultade de Belas Artes e no que participaron algo máis de vinte estudantes.
"Esta reforma non implica unha mellora dos estudos universitarios como nos queren vender, só ter que pagar o dobre, porque un ano de máster custa 700 euros máis", apuntou Cambeiro, quen denunciou que estas medidas "van a provocar que só algúns poidan acceder a estes estudos, xa que ademais as bolsas son cada vez máis difíciles de conseguir".