Os conflitos laborais de Lantero e Cleanet chegan ao Parlamento Europeo
Por Redacción
Os conflitos laborais que viven os traballadores das empresas Lantero e Cleanet chegarán a vindeira semana ao Parlamento Europeo (PE) da man da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) Lídia Senra. A parlamentaria promoveu a intervención de representantes de sendas plantillas os vindeiros martes 3 e mércores 4 de febreiro.
Segundo informou AGEe, seis representantes de cada unha destas loitas laborais, en nome de todas as súas compañeiras e compañeiros, exporán na Eurocámara e ante a Comisión Europea as coaccións ás que aseguran que están vendo sometidas por parte das súas respectivas empresas, as accións reivindicativas levadas adiante e as perspectivas de cara ao futuro.
Entre os contactos e entrevistas a manter durante a visita desta dobre delegación, destacarán as xuntanzas o martes 3 ás 18.30 horas con Serge Le Gal, da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea (CE) e ás 19.30 horas con Inês Zuber, da Comisión de Emprego e Asuntos Sociais do Parlamento Europeo (PE).
O mércores 4, representantes de cada un destes conflitos intervirán diante do grupo parlamentario da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), onde está integrada Alternativa Galega de Esquerda en Europa.
Para Lídia Senra, "a loita destas dúas plantillas constitúe dous dos máis recentes e salientábeis exemplos de loita e unidade pola defensa dos dereitos laborais e sociais". Lantero, con 110 días en folga indefinida, e Cleanet con 96 en Ferrol (os traballadores de Pontevedra fixeron xornadas de protesta puntuais) "son un motivo de orgullo para a sociedade galega e por iso espertan un fondo apoio na cidadanía".
AGEe destaca a constancia e unidade na estratexia de mobilización dos traballadores de ambas as dúas empresas e Senra sinala ao respecto que "estes dous colectivos achegarán ao Parlamento Europeo e á Comisión unha importantísima testemuña da situación de degradación dos dereitos sociais na que o goberno do Partido Popular, en connivencia ca Comisión Europea (CE), o Banco Central Europeo (BCE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI), teñen afundido á Galiza e ao Estado español".
En opinión da eurodeputada, "loitas como as levadas adiante por estas traballadoras e traballadores son unha inmellorable mostra da forza e dignidade coa que os pobos do sur de Europa estamos a facer fronte aos ataques do capital".
Relacionadas:
-
Fin á folga de Lantero: sen despedimentos tras 118 días de loita obreira
Por Redacción |
-
Os traballadores de Cleanet tampouco reciben a nómina de xaneiro e suman xa máis de 4 meses sen cobrar
Por Redacción |
-
O Xulgado do Social número 2 de Pontevedra declara legal a folga de Lantero
Por Redacción |
-
Os traballadores de Cleanet seguirán coas mobilizacións ante as dúbidas do novo contrato de Defensa
Por Diego Espiño |
-
Os traballadores de Lantero suman 100 días de folga e solicitan aportacións solidarias
Por Redacción |
-
O persoal de Cleanet reclamará tres salarios pendentes diante do Ministerio de Defensa en Madrid
Por Redacción |