Deteñen un presunto ladrón que merodeaba entre coches aparcados e se ocultou ao chegar a Policía
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un veciño de Marín de 48 anos con antecedentes policiais como presunto autor dun delito de roubo con forza tras ser sorprendido polos axentes coas mans na masa entre unha serie de vehículos estacionados na rúa. Roubara nun deles.
Segundo informou a Comisaría Provincial, os feitos sucederon na madrugada deste martes 27 de xaneiro. Axentes da Policía Nacional que estaban a realizar labores de prevención da seguridade cidadá observaron un individuo que ao detectar a presenza policial tratou de ocultarse entre os vehículos estacionados na zona.
Os axentes procederon á identificación deste home e comprobaron que portaba varios obxectos dos que non puido aclarar a súa procedencia e entre os cales había documentación pertencente a un vehículo. Tras efectuar unha inspección pola zona localizaron un vehículo próximo aparcado na zona que presentaba a xanela fracturada e o interior revolto.
O home foi detido e trasladado a dependencias policiais mentres que os obxectos subtraídos do interior do vehículo lle foron entregados ao seu lexítimo propietario. Cabe salientar que este veciño de Marín ten múltiples antecedentes por feitos de similares características.