Elvira Raposeiras evoca aquelas antigas escolas unitarias rurais
Por Redacción
Os veciños maiores da parroquia de Forzáns recordaron os seus anos de infancia a través dunha conferencia pronunciada por Elvira Raposeira, ex directora do CEIP Cordo Boullosa sobre as antigas escolas unitarias rurais en Galicia.
Este acto, que se celebrou no Centro Sociocultural de Forzáns organizado pola Asociación Cultural O Torreiro en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, serviu para que os asistentes recordasen como tiñan que compatibilizar as súas asistencias a clase coas tarefas agrícolas e domésticas así como as mil e unha anécdotas que foron rememoradas con emoción.
A segregación escolar por sexos e o papel desenvolvido polos mestres da época os que, con escasos medios e en moitos casos con aulas saturadas por alumnos de diferentes idades e coñecementos tiñan que desenvolver fórmulas creativas para favorecer a aprendizaxe dos seus pupilos.
A evolución da escritura a través da aprendizaxe utilizando o pizarrín, o arriscado paso á tinta chinesa e á laboriosa caligrafía dos cadernos Rubio foron motivo de exhaustivas e pedagóxicas explicacións que foron seguidos con atención e anuencia polo numeroso público presente no Centro Sociocultural de Forzáns.
Na quenda de preguntas e comentarios tras a conferencia, os veciños presentes recordaron como anécdota doutros tempos os severos castigos impostos polos mestres aos que non se portaban ben ou non cumprían coas súas tarefas e que, maioritariamente, se multiplicaban ao chegar á casa ao ter os seus pais coñecemento destes.