"Eu tamén fun a EXB", unha viaxe no tempo do alcalde de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Coma se da serie Cuéntame se tratase o colexio Cordo Boullosa de Ponte Caldelas fixo un percorrido histórico dende as escolas unitarias dos anos 60 no rural do municipio, a EXB ata o sistema educativo actual.
O alcalde, Perfecto Rodríguez participou nesta xornada sobre a historia e os cambios de modelo educativo.
A profesora do IES Valle-Inclán e antiga mestra e directora do centro, Elvira Raposeiras, falou do modelo educativo dos anos 50 e 60, a segregación escolar por sexos, os mestres da época ou as aulas saturadas por alumnos de diferentes idades, os castigos corporais, ou as clases de costura e os bos modais pensadas en "esposas compracentes e amas de casa eficientes".
A evolución da escritura a través da aprendizaxe utilizando o estilo, o arriscado paso á tinta chinesa e á laboriosa caligrafía dos cadernos Rubio.
Pola súa banda, o alcalde Perfecto Rodríguez recordou con nostalxia aqueles partidos de máxima rivalidade que se disputaban no recreo, as aulas con 40 compañeiros ou o comedor escolar.
O encontro finalizou co agradecemento por parte do director do centro, Manuel Barreiro, aos participantes na charla e coa entrega dun regalo conmemorativo do seu paso por esta experiencia.