O pequeno Álex Guntín mellora grazas ao tratamento recibido en Poio co robot Lokomat
Por Redacción
O pequeno Álex Guntín, o neno vigués con parálise cerebral protagonista de soadas campañas de solidariedade a través das redes sociais, principalmente coa súa páxina de Facebook 'Axudanos a camiñar', asiste estes días ao seu terceiro ciclo de terapia co Lokomat no Centro de Dano Cerebral e Neurociencias Miguel Domínguez, en Poio, tratamento co que está experimentado importantes mellorías.
A modulación do ton muscular e as reaccións de endereitamento, logrando un maior control cefálico ao conseguir manter a cabeza ergueita durante máis tempo, son algúns dos notables avances logrados polo pequeno.
Os facultativos que o atenden destacan así mesmo que, grazas a esta terapia de rehabilitación robotizada, o neno mellorou o apoio plantar, é dicir, a pisada ao camiñar, e a postura, ademais de aumentar a capacidade de resistencia ao esforzo físico e a coordinación óculo-manual, obtendo grandes resultados nas reaccións a diferentes estímulos. Comprobáronse tamén beneficios a nivel circulatorio, vestibular (do oído interno) e da función gastrointestinal.
Os seus pais acompáñano cada mañá a rehabilitación (nesta ocasión foi un ciclo intensivo de dez sesións) e destacan, ademais de todos estes progresos, a alegría e motivación do neno. "A Álex encántalle esta terapia e está contento en canto o soben ao Lokomat", asegura Vanessa Álvarez.
O Grupo Hospitais Miguel Domínguez conta co único Lokomat adaptado para uso pediátrico en todo o noroeste peninsular e un dos tres existentes en toda España. O robot está dedicado a patoloxías ligadas á mobilidade producidas por lesións que afectan ao sistema nervioso, ou puramente traumatolóxicas, axudando aos pacientes a realizar movementos sobre unha fita rodante para reeducar a marcha.
O módulo pediátrico permite o seu uso en nenos dende 4 anos con parálise cerebral, traumatismo cranioencefálico grave e outras patoloxías neurolóxicas.
Relacionadas:
-
Cidadáns pide a adquisición do robot terapéutico Lokomat para o Complexo Hospitalario de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Centro de Dano Cerebral Miguel Domínguez potencia un novo servizo de psicomotricidade infantil
Por Redacción |
-
O Hospital Domínguez aplica unha terapia novidosa para tratar o Parkinson avanzado
Por Redacción |
-
Celebración na clínica da Merced do Día do Dano Cerebral Adquirido
Por Oskar Viéitez |
-
O Grupo Hospitales Domínguez pon en marcha un novo programa para pacientes que sufriran un ictus
Por Redacción |