O BNG pide que os veciños de Barro poidan utilizar o Centro de Servizos e Apoio Empresarial da Deputación
Por Redacción
O BNG presentou unha moción para o seu debate no Pleno do Concello de Barro referente ao uso do auditorio do futuro Centro de Servizos e Apoio Empresarial por parte das entidades culturais e sociais de Barro.
Segundo explica o voceiro do Bloque, Xosé Manuel Fernández Abraldes, na actualidade Barro é dos poucos concellos da contorna que carece dun espazo minimamente digno para a realización de actividades culturais. Isto leva aos distintos e variados colectivos culturais que existen no municipio a realizar as súas actividades nunhas condicións de extrema precariedade.
O BNG presentou en numerosas ocasións mocións demandando a construción dun centro cultural no municipio que dea resposta ás necesidades dos colectivos sociais, "sen que desde o goberno municipal se tomase nunca en serio dotar a Barro dun equipamento cultural acorde aos tempos que vivimos e ás demandas veciñais".
Recentemente a Deputación de Pontevedra vén de anunciar a construción dun futuro Centro de Servizos e Apoio Empresarial no polígono industrial de Barro Meis, que leva incluído un auditorio de 170 metros cadrados.
Este auditorio, con pequenas modificacións técnicas sobre o proxecto inicial, podería servir para albergar concertos, representacións teatrais e outras actividades impulsadas polas entidades culturais de Barro, mentres no concello non se constrúa un equipamento cultural axeitado.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal que se dirixa á Deputación para que realice as modificacións necesarias no proxecto para que o auditorio poida albergar concertos e representacións teatrais, e autorizar o uso do futuro auditorio aos colectivos culturais e sociais de Barro sempre e cando non colisionen coa programación da propia Deputación, ou das entidades que ocupen o citado centro.
Relacionadas:
-
Construcciones Abal fará o Centro de Servizos de Barro-Meis por 706.141 euros
Por Redacción |
-
A depuradora do polígono de Barro-Meis terá un custo de 1,2 millóns
Por Oskar Viéitez |
-
Sacan a concurso un centro de servizos en Barro-Meis e as obras da cuberta do Pazo Provincial
Por Redacción |
-
Adxudicadas a Vila Miño S.A., en 1,3 millóns de euros, as obras do viveiro de empresas de Barro-Meis
Por Redacción |