O BNG esixe á Xunta que resolva os atrasos na tramitación da Risga
Por Oskar Viéitez
O grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa da deputada Carmen Adán, presentou unha proposición non de lei na que insta ao Goberno galego a resolver os problemas xerados polos atrasos na renda de inserción social de Galicia (Risga).
Segundo explicaron en rolda de prensa a deputada Carme Adán e a concelleira de Benestar Social en Pontevedra, Carme Fouces, durante o ano 2014 os atrasos na tramitación da Risga foron dunha media de entre 8 e 9 meses. Isto provocou situacións "moi dramáticas" que os concellos tiveron que resolver dende as axudas de emerxencia. "Estamos poñendo tiritas a un cancro", valorou Fouces.
No caso do concello de Pontevedra hai un total de 134 perceptores da Risga e 70 solicitudes están á espera de de resposta.
"Estamos poñendo tiritas a un cancro", valorou Fouces
Por este motivo piden á Xunta que axilice a tramitación da Risga e das axudas de inclusión social para adecuar o tempo aos prazos que marca a normativa vixente. "A pobreza non se pode almacenar en carpetas ", dixo Carme Adán.
Ademais a proposta do Bloque persegue que se inste aos concellos, como administración corresponsable da tramitación desta renda, a axilizar a tramitación dos expedientes, tal e como establece a Lei de inclusión social de Galicia.
Por outra parte pretenden que por silencio administrativo se lles recoñeza o dereito á percepción da Risga a todas as persoas que teñan solicitada esta renda e estean a esperar pola resolución. Ademais, os nacionalistas esixen que todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo de 2014 se resolvan nun prazo de dous meses.
Segundo os datos facilitados polo BNG, este ano 2015 comeza con atrasos iguais ou superiores ao 2014, e un índice de denegación dun 41%, cun aumento da demanda nos últimos seis anos en servizos sociais do 70% e unha redución dos equipos de 10%.
Carmen Adán reprochou que a Lei de inclusión social de Galicia non se desenvolvese e que nalgúns aspectos mesmo se estea a incumprir. Un dos aspectos máis criticados é que a nova normativa permitiría compatibilizar a percepción da axuda cun contrato de traballo por horas, do tipo "minijob", algo que a día de hoxe é motivo para perder esta renda.
Relacionadas:
-
Un traballo, "a verdadeira inclusión" para os perceptores da Risga
Por Redacción |
-
Vinte perceptores de Risga serán contratados polo Concello durante sete meses
Por Redacción |
-
Máis de 425.000 euros para contratar a 45 perceptores da Renda de Inclusión Social na comarca
Por Redacción |
-
Desbloquean expedientes de Risga e axudas de emerxencia pendentes dende 2013
Por Redacción |
-
O Concello arremete contra a "intolerable" tramitación da Risga que provoca desprotección social
Por Oskar Viéitez |