O PP entra en precampaña e presume dos investimentos da Xunta e a Deputación en Poio
Por Redacción
O PP de Poio entrou en precampaña electoral. Este martes deu a coñecer que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, ambas administracións gobernadas polo Partido Popular, investiron no Concello de Poio preto de seis millóns de euros nos dous últimos anos.
O grupo municipal deste partido presumiu este martes destes datos nunha comparecencia ante os medios coa presenza do deputado autonómico Román Rodríguez. Detallaron que no bienio 2013-2014 a Xunta destinou a investimentos en Poio catro millóns e a Deputación preto de dous.
O voceiro municipal do PP, Ángel Moldes, comparou estas cantidades co orzamentado polo Goberno local para investimento durante o mesmo periodo, que foron "0 euros", e lembrou tamén que se perderon outros dous millóns en proxectos que se desaproveitaron, tales como as beirarrúas de Campelo.
Román Rodríguez González amosouse "sorprendido da parálise e o estancamento" do Concello de Poio e lamentou as oportunidades que están a perder os cidadáns deste municipio pola falta de vontade e capacidade do Goberno bipartito. Como exemplo, ademais das mencionadas beirarrúas de Campelo, falou da estrada PO-308 e a depuradora.
En base a estes datos dende o PP conclúen que o "victimismo" do Goberno local de Poio é "completamente inxustificado", pois "cando os concelleiros do BNG poiés afirman que non achegarán terreos, fondos, para as obras para as que lle ofrecen axuda Xunta e Deputación, están a recoñecer a súa falta de aptitude e recursos".