Marín centrará os actos do 8-M en recoñecer as mulleres amas de casa
Por Redacción
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, estará adicado este ano en Marín a todas as mulleres que traballan como amas de casa. Así o designou o Consello Municipal da Muller na súa reunión deste luns, na que abordaron os diferentes actos que terán lugar cara a cidadanía, continuando coa medida de sensibilización aos centros educativos como obxectivo primordial para traballar a significación desta data.
En relación co colectivo ao que se dedicará este ano o 8-M, levará por título 'Roles da muller: Das amas de casa á corresponsabilidade doméstica'. Farase especial recoñecemento ao papel desempeñado polas mulleres no eido do traballo reprodutivo, o coidado e sostemento das unidades familiares e o tránsito á corresponsabilidade doméstica e participación nas tarefas do fogar de todos os integrantes do mesmo.
Os actos de conmemoración terán lugar o propio domingo 8 de marzo ás 13.00 horas na Praza 8 de Marzo ou, en caso de que o tempo saia adverso, na Casa Consistorial.
O Consello consensuou un manifesto que se presentará no Pleno da Corporación en forma de moción e que incidirá na reivindicación das políticas de conciliación que fomenten o efectivo acceso e permanencia das mulleres no mercado de traballo, así como seguir traballando nas inserción e participación social de grupos culturais minoritarios. Na parte dispositiva do manifesto farase fincapé no Plan de Emprego do Concello como ferramenta dinamizadora do emprego municipal.