Deteñen seis mozos de Pontevedra por trapichear con drogas e 'receptar' obxectos roubados
Por Redacción
Seis novos detidos ao longo do mes de xaneiro elevan a oito o total de arrestados no marco da operación Lana contra o tráfico de drogas a pequena escala e a receptación de obxectos roubados. Todos os implicados son mozos veciños de Pontevedra.
Froito das pescudas realizadas a raíz da primeira fase da operación, que se desenvolveu durante o mes de novembro, os investigadores puideron probar a implicación doutras seis persoas nos delitos investigados, motivo polo que, unha vez establecidos os operativos oportunos, se procedeu á detención de todos eles noutras novas fases os días 5 e 14 de xaneiro.
O 5 de xaneiro a Policía Nacional detivo tres persoas de entre 18 e 27 anos como presuntos autores dun delito de receptación: unha muller e dous homes con antecedentes policiais. Os axentes puideron demostrar que algúns dos efectos intervidos no rexistro efectuado o día 14 de novembro na primeira fase da operación Lama procedían de distintas subtraccións denunciadas en Pontevedra.
En concreto, púidose descubrir que un televisor fora roubado empregando a forza en marzo de 2013 do interior dun bar de Bora, outro televisor de pantalla plana fora subtraído en xuño de 2013 do interior dun piso do barrio de A Seca de Pontevedra, un ordenador portátil fora furtado en novembro de 2013 do interior dun vehículo estacionado na rúa Iglesias Vilarelle e unha cámara de fotos con obxectivo valorados en 1.200 euros foran subtraídos en xullo de 2014 do interior doutro vehículo estacionado nun garaxe da rúa Joaquín Costa. Todos os obxectos foron devoltos aos seus lexítimos propietarios, unha vez que estes os recoñeceron en sede policial.
O 14 de xaneiro foron detidas outras tres persoas como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas ao poder determinar os investigadores que todos eles surtirían de estupefaciente (haxíx e marihuana) a consumidores da cidade de Pontevedra.
Neste caso os detidos son dous homes de 30 anos con antecedentes policiais e unha muller de 18. Ademais das detencións, practicouse un rexistro nun piso de Pontevedra no que residían e se incautaron 372 gramos de marihuana en gromos, 16,5 gramos de haxix e 220 euros en efectivo.
Así mesmo, durante o rexistro incautouse un teléfono móbil que se puido demostrar que foi denunciado como subtraído en setembro de 2013 en Pontevedra, motivo polo que se van estudar o resto de efectos electrónicos intervidos por se, entre estes, houbese máis que tivesen sido subtraídos no pasado.
A operación realizouna o Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Policía Nacional de Pontevedra, en colaboración coa Brigada Provincial de Seguridade Cidadá e na primeira fase tivo a colaboración da Policía Local.