Deteñen un mozo por vender landras de haxix na rúa Eduardo Pondal
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Pontevedra procederon a detención dun mozo de 20 anos de idade por un presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas, concretamente haxix.
Segundo informa a Policía Local, o pasado 12 de novembro, sobre as 18:20 horas, os axentes municipais observaron a esta persoa, coñecida en medios policiais como consumidor habitual de substancias estupefacientes, nas inmediacións da rúa Eduardo Pondal.
Posteriormente, achegouse ata el outra persoa, coñecida tamén como posible vendedor xa que en outras ocasións o imputaran por presunto delito de tráfico de drogas.
Os axentes observaron unha transacción entre os dous. Un entregou cartos a cambio do que parecía ser unha landra de haxix.
Identificado o comprador e constatada a venda de droga, os axentes procederon á identificación e posterior detención deste mozo de 20 anos de idade e veciño de Pontevedra.
No momento da detención os axentes procederon ao cacheo atopando no interior dun peto oito landras e media e no interior dunha mochila un frasco de cristal con sete bolsiñas dunha substancia, supostamente marihuana, así como trescentos corenta euros.