Ingresan en prisión oito dos detidos na última operación contra o narcotráfico en Cambados
Por Redacción
Oito dos detidos na última operación contra o tráfico de drogas no Salnés ingresaron en prisión. Entre eles, o cambadés Rafael Bugallo Piñeiro 'O Mulo', considerado o xefe dunha gran rede internacional de narcos. Así o decretou o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Cambados, que este xoves comezou a tomar declaración ás 19 persoas que, finalmente, caeron neste operativo policial.
Xunto a 'O Mulo' foron enviados tamén a prisión a sete dos seus colaboradores. A todos eles se lles imputa un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas, agravado pola notoria importancia do alixo incautado, uns 1.500 quilos de cocaína, e polo uso do barco aprehendido no medio do Atlántico.
Unha novena persoa, que tamén declarou nos xulgados de Cambados, quedou en liberdade con cargos, coa obriga de comparecer quincenalmente.
Os primeiros detidos, entre eles Rafael Bugallo, chegaron a Cambados a primeira hora da mañá. Chegaron xuntos nun furgón policial, tras pasar a noite na Comisaría Provincial de Pontevedra. Foron os primeiros en ser interrogados polo xuíz, pero segundo transcendeu, acolléronse ao seu dereito a non declarar.
Os outros tres detidos, que estaban na comisaría de Vilagarcía, foron trasladados aos xulgados a media mañá. En total, estas declaracións alongáronse ata as oito da tarde, no medio dun gran despregamento policial e dos medios de comunicación.
19 DETIDOS
Esta operación contra o narcotráfico péchase cun total de 19 detidos, segundo explicou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva. Nove persoas navegaban a bordo da Coral I, o barco pesqueiro de bandeira venezolana que foi abordado polo Servizo de Vixilancia Aduaneira en pleno océano Atlántico. O resto foron arrestados en terra, boa parte delas na comarca do Salnés.
Os 1.500 quilos de cocaína achados no pesqueiro, distribuídos en 49 fardos, foron trasladados a terra e en próximos días chegará a porto a embarcación. Os seus tripulantes pasarán a disposición xudicial en canto pisen terra firme, previsiblemente, nalgún porto da provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O fiscal solicita unha pena de 24 anos de prisión para 'O Mulo' polo alixo de cocaína do Coral I
Por Diego Espiño |
-
Así foi a espectacular abordaxe do Coral I, o barco con 1.500 quilos de cocaína destinados a O Salnés
Por Redacción |
-
Un cambadés, entre os once detidos dun grupo de narcos que planeaba o secuestro dun empresario
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Os 16 detidos por un alixo de 1,5 toneladas de cocaína declararán o xoves no Xulgado de Cambados
Por Redacción |
-
Golpe ao narcotráfico no Salnés: unha quincena de detidos e 1.500 quilos de cocaína incautados
Por Redacción |