Cruz Vermella repartiu en 2014 case 3.000 prestacións sociais a máis de 1.600 persoas da comarca
Por Redacción
Un total de 1.639 persoas recibiron algunha das case 3.000 prestacións sociais que Cruz Vermella repartiu na comarca de Pontevedra durante este ano 2014. ÿ froito do reforzo que realizou o organismo dos seus programas habituais, por un lado, de resposta social e de loita contra o desemprego e a discriminación laboral e por outro, dunha serie de intervencións específicas como son o plan de alimentos ou a entrega de material escolar.
Dende Cruz Vermella Pontevedra aseguran que os que xa se enfrontaban a unha situación delicada "se viron fortemente afectados por esta realidade económica e social o que incrementou o seu grao de vulnerabilidade".
Ademais nos últimos meses, a incidencia do desemprego e as cargas económicas fixeron que persoas cunhas situacións económicas estables, "se enfronten a situacións que un tempo atrás lles tivesen parecido impensables, e en moitas ocasións, a situación destas persoas agrávase cando hai menores e/ou persoas dependentes ao seu cargo".
Nesta liña e a través do financiamento de administracións públicas como o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o Fondo Español de Garantía Agraría (FEGA), o Fondo Social Europeo e fondos propios, na comarca de Pontevedra repartíronse 2.838 prestacións sociais a 1.639 persoas durante este ano 2014.
Entre os produtos entregados encóntranse:
- 811 vales de alimentos non perecedoiros e perecedoiros como carne, peixe, froita e hortalizas
- 691 entregas de limpeza do fogar con frega chans, limpa fogar ou fregapratos
- 639 entregas de produtos de hixiene familiar con xampú, xel ou escuma de afeitar
- 387 entregas de almorzos e merendas
- 189 menores que recibiron material escolar ou compra de libros.
- 140 menores que recibiron a merenda nos obradoiros de apoio escolar.
- 84 kits de hixiene infantil, que conteñen paquete de cueiros, botella de xabón líquida de baño, botella de leite hidratante corporal ou paquete de toalliñas húmidas
- 37 pagamentos de subministracións (luz, auga ou gas) a familias pontevedresas.
Ademais, repartíronse 118.135 quilos de comida entre 17 entidades da comarca, que permitiron subministrar alimentos a unhas 3.243 persoas.
IMPORTANCIA DO VOLUNTARIADO
Cruz Vermella recorda que o labor do voluntariado é fundamental para o desenvolvemento destas accións fronte á crise, xa que tamén interveñen na recepción, almacenaxe e distribución de produtos así como na entrega as familias, que han de cumprir unha serie de requisitos socioeconómicos. Ademais participan nos obradoiros sobre economía doméstica ou consumo responsable e colaboran na acollida das familias realizando as entrevistas personalizadas.
Unhas 24 persoas participaron durante este ano 2014 no programa de apoio urxente como voluntarios.
Todas estas accións enmárcanse dentro do chamamento de axuda Ahora + que nunca lanzado pola institución para atender a máis persoas en situación de extrema vulnerabilidade como familias con todos os seus membros no paro, nenos que viven en fogares pobres, persoas maiores con responsabilidade ou cargas familiares, persoas paradas de longa duración, persoas sen fogar ou mozos no paro.
Relacionadas:
-
Poio tivo en 2019 a segunda renda por vivenda máis alta da provincia de Pontevedra
Por Redacción |
-
Voluntariado para facer máis levadeira a hospitalización de 360 nenos
Por Redacción |
-
Cruz Vermella en Pontevedra apoia máis de 140 nenos para promover o éxito escolar da infancia máis vulnerable
Por Oskar Viéitez |
-
Cruz Vermella Pontevedra conta con 6.533 voluntarios dos cales 379 se incorporaron durante este ano
Por Oskar Viéitez |
-
Información VIH uniuse ao grupo
Por Oskar Viéitez |
-
51 menores encontraron un fogar de acollida con 43 familias pontevedresas
Por Redacción |