Cruz Vermella en Pontevedra apoia máis de 140 nenos para promover o éxito escolar da infancia máis vulnerable
Por Oskar Viéitez
A intervención coa infancia e as familias máis vulnerables en materia de promoción do éxito escolar é unha prioridade para Cruz Vermella.
En Pontevedra dende o ano 2012 e, só en 2014, participaron nas súas actividades 140 nenos (67 nenas e 43 nenos) con idades entre 6 e 13 anos atendidos por un equipo de 40 voluntarios.
As actuacións do proxecto de promoción do éxito escolar están dirixidas ao apoio e o acompañamento educativo coa infancia e as súas familias. Trabállanse técnicas de estudo ou o seguimento académico e a realización de tarefas escolares e reforzo de materias específicas.
Tamén se entregaron 2.796 merendas que completaron a dieta alimentaria á vez que promoveron a adquisición de hábitos saudables, e a entrega de lotes de material escolar, que recibiron 189 nenos de Pontevedra e a súa comarca. Este material asumiuse grazas ao apoio de entidades como Fundación Carrefour, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e fondos propios.
Á súa vez, todas estas actividades compleméntanse cun servizo de soporte ás familias onde reciben información, orientación e apoio socio-educativo en aspectos relativos á escolarización e crianza.
Ademais realizáronse dúas sesións formativas ao longo do ano: primeiros auxilios para pais de escolares e uso das novas tecnoloxías para os máis pequenos, coa colaboración da Policía Nacional de Pontevedra. A intervención co núcleo familiar oriéntase en dúas direccións: por un lado, a socialización dos nenos, e por outro, a información e formación das familias e da comunidade.
Relacionadas:
-
Unha "banderita" para loitar contra a pobreza infantil
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Voluntariado para facer máis levadeira a hospitalización de 360 nenos
Por Redacción |
-
Cruz Vermella repartiu en 2014 case 3.000 prestacións sociais a máis de 1.600 persoas da comarca
Por Redacción |
-
Cruz Vermella Pontevedra conta con 6.533 voluntarios dos cales 379 se incorporaron durante este ano
Por Oskar Viéitez |