A Policía sorprende tres mozos croatas cando forzaban a porta dunha vivenda
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría de Vilagarcía, o pasado día 22 de decembro, procederon á detención de tres mozos, de 25, 21 e 18 anos de idade respectivamente, os tres de nacionalidade croata, un deles con antecedentes por feitos de similar natureza, como presuntos autores dun delito de roubo con forza nas cousas.
Segundo fontes oficiais da Comisaría vilagarciana, foi un cidadán quen sobre as 20.00 horas, alertou sobre a presenza de persoas alleas a un inmoble situado na avenida da Mariña, da devandita localidade, que trataban de acceder a este.
Inmediatamente trasladáronse ao lugar diversos efectivos policiais comprobando como a porta principal de acceso ao inmoble se encontraba forzada e detendo os presuntos autores dos feitos, que se encontraban no lugar á intervención de luvas, desaparafusadores e outros útiles empregados habitualmente para o apancamento de portas e ventás.
Continúanse a investigación para tratar de determinar a súa presunta implicación noutros feitos delituosos de similares características acontecidos en Vilagarcía e noutras localidades da comarca do Salnés.
Os tres detidos foron trasladados á Comisaría instruíndose o preceptivo atestado, tras o cal foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número dous de Vilagarcía, en funcións de garda.