Cae unha nova banda croata que desvalixou cinco pisos do centro de Pontevedra
Por Natalia Puga
Tres mulleres de orixe italo-croata ingresaron en prisión nos últimos días como sospeitosas de cinco roubos con forza nos que desvalixaron outros tantos pisos do centro de Pontevedra nos últimos meses.
Co seu arresto e ingreso en prisión, a Policía Nacional dá por desarticulada unha banda itinerante dedicada a roubos con forza en domicilios de Pontevedra que, ademais, operaba por diversas cidades de España.
Estas detencións enmárcanse nos diferentes dispositivos de prevención de roubos en domicilios realizados nos últimos meses por parte dos grupos de investigación da Comisaría de Pontevedra.
Neses operativos lograron identificar varios grupos de cidadáns croatas, a maioría formados por mulleres, sospeitosos de realizar roubos con forza en domicilios. De feito, no último ano en Pontevedra xa foron detidos 10 integrantes destes grupos itinerantes e 9 deles ingresaron o prisión.
No caso destas tres últimas persoas detidas, constatouse que formaban un grupo altamente especializado na apertura de portas dos domicilios polo método do resbalón e fractura de fechadura.
A banda estaba perfectamente jerarquizada e organizada e algunha dos seus integrantes tiña xa antecedentes por feitos similares.
Nestes cinco roubos agora esclarecidos subtraeron grandes cantidades de diñeiro, xoias e efectos de valor de marcas de luxo. Nalgún deles, o botín ascende a uns 60.000 euros.
A súa detención realizouse o pasado 27 de xuño, cando unha patrulla uniformada da Policía Nacional detectou a presenza na cidade de dúas destas mulleres a bordo dun vehículo pequeno. Dado que coincidían coas características físicas achegadas por testemuñas e os datos que manexaban os investigadores, dispúxose un dispositivo policial que logrou interceptalas cando trataban de abandonar un aparcadoiro tras cometer outro novo roubo nun domicilio nunha rúa próxima.
Cando foron detidas, as mulleres levaban encima as xoias que acababan de roubar neste último asalto. No vehículo interviñéronlles diversas xoias, diñeiro, un documento de conducir estranxeiro falso e ferramentas para a apertura de portas.
As xoias intervidas resultaron ser de dous roubos da cidade cuxos propietarios xa puideron recuperalas.