As empresas pontevedresas súmanse á integración sociolaboral
Por Redacción
O Programa de Emprego con Apoio de Down Pontevedra 'Xuntos' ten en activo na actualidade 15 insercións laborais a través de contratacións en empresas pontevedresas, das cales cinco son de contratos indefinidos. Tres son de recente sinatura.
Segundo os datos facilitados por Down Pontevedra, no ultimo mes do ano sumouse ao programa unha empresa nova, McDonalds. Contratou a David, un mozo que estivo no período de prácticas e, unha vez superada esta fase, o 15 de decembro asinou o seu contrato.
O Grupo Froiz foi o destino das outras dúas contratacións desta recta final do ano. Ao igual que ocorreu en anos atrás, contratou dous mozos do Programa de Emprego de Down Pontevedra no posto de mozo de almacén para a elaboración de cestas e lotes de Nadal.
Dende o colectivo indican que cada vez son máis as empresas que fan realidade que o esforzo destes mozos se reflicta na sociedade a través da súa incorporación ao mundo laboral, amosando o seu apoio e confianza nas capacidades destes traballadores.
O Programa de Emprego con Apoio de Xuntos pretende acadar a inserción sociolaboral das persoas coa síndrome de down e outras discapacidades intelectuais, dotándoas das técnicas propias dunha profesión determinada e as habilidades sociolaborais que lle garantan unha exitosa inserción na empresa ordinaria.