A Xunta bota balóns fóra sobre a 'pataca quente' da Carabuxeira en Sanxenxo
Por Redacción
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, declinou este martes calquera tipo de responsabilidade en relación cunha das patacas quentes da política e a vida social de Sanxenxo, o conflicto derivado da construción do porto deportivo Juan Carlos I, na praia da Carabuxeira. Abstívose de ofrecer calquera solución e trasladou ao Concello a responsabilidade para acadar solucións a esta situación.
Fíxoo durante a súa participación na Comisión de Pesca celebrada no Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta formulada polo socialista Pablo García. Este último, despois da resposta de José Juan Durán, reclamoulle ao Concello de Sanxenxo que atenda á súa responsabilidade "logo da desfeita provocada pola construción do porto".
Pablo García reclama ao Concello que utilice os 900.000 euros de aval da obra para recuperar a praia e restaurar as propiedades dos veciños afectadas por unha obra, realizada fai mais de dez anos, cun espigón que sobrepasou en mais de 100 metros de lonxitude o proxecto orixinal, reducindo a area da praia en varios metros e provocando o derribo dos muros de contención de vivendas e terreos.
O deputado do PSdeG-PSOE amosa a súa sorpresa porque o ente autonómico non admita ningún tipo de responsabilidade sobre a supervisión dunha actuación que duplicou o proxecto orixinal, cando Portos de Galicia debería ter algunha responsabilidade como concesionaria.
Pablo Gracía criticou que "ninguén queira admitir o problema e ninguén queira responsabilizarse" das actuacións
O socialista criticou que "ninguén queira admitir o problema e ninguén queira responsabilizarse" das actuacións, pero a realidade é que "cumpre facer as reparacións" duns danos para os que o Concello presentou un aval de 900.000 euros precisamente para acometer o proxecto de rexeneración "que en teoría debera servir para subsanar este dano".
García considera que os feitos son demoledores e "o caso e que hai uns danos ocasionados por causa de unha actuación nun porto, hai intervención de tres administracións, Concello, Ministerio e Xunta de Galicia, hai uns danos que todo o mundo coincide que son causados por esas actuacións, pero todas as administracións son capaces de ter o soporte legal para evadir a responsabilidade, polo tanto con feitos así non é raro que os cidadáns xa non crean en nada nin en ninguén".
Relacionadas:
-
Avanzan os trámites para licitar as obras de rexeneración da praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
Sanxenxo logra mellores condicións de crédito financeiro para rexenerar a praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo pedirá un crédito para financiar a rexeneración da praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
"Alarma social" en Sanxenxo pola ampliación do Real Club Náutico
Por Redacción |