Sanxenxo logra mellores condicións de crédito financeiro para rexenerar a praia de Carabuxeira
Por Redacción
O Pleno da Corporación municipal de Sanxenxo deu o visto bo, na sesión ordinaria celebrada este luns, á proposta do Goberno local destinada a modificar un punto do anterior acordo plenario sobre a concertación dunha operación de crédito, de en torno ao millón de euros, que servirán para sufragar a regeneración da praia de Carabuxeira. A cuestión aprobada cos votos a favor de PP, VIPS e PSOE e coa abstención de SAL e BNG, estaba orientada a rebaixar o período de carencia de dous anos a un nas condicións establecidas no concurso convocado por Nauta Sanxenxo para esta operación financeira.
"Trátase dun punto pouco relevante pero de competencia do pleno", explicou o vicepresidente da empresa pública que xestiona o Porto Deportivo Juan Carlos I, Salvador Durán, quen afirmou que "unha vez aprobado este cambio procederemos agora sen máis dilación a invitar ás entidades bancarias para concluír o proceso coa adxudicación nos próximos días deste crédito".
E é que tal e como recordou Salvador Durán, o proceso "sufriu unha demora ao ter que quedar desertas as dúas convocatorias realizadas por defectos nas propostas presentadas por parte dos bancos que non se axustaban ao establecido no prego de condicións".
O feito de que o proxecto de rexeneración do arenal urbano sexa considerado prioritario para o Executivo sanxenxino e, xa que logo, o desexo de "non perder máis tempo nesta tramitación" foi o motivo polo que o equipo de Goberno propuxo á Corporación municipal que abordase este asunto de forma extraordinaria e urxente.
Iso si, "agora conseguimos mellores condicións de financiamento", confirmou Durán, xa que as entidades interesadas rebaixaron o tipo de interese, pasando do 3% ofertado inicialmente ao 0,86%.
"Inmediatamente despois de contratar o crédito licitaremos o proxecto que xa está aprobado e ratificado polo consello de administración de Nauta Sanxenxo, informada a súa xunta xeral, e que conta ademais coa autorización da Dirección Xeral de Costas do Estado", recordou o edil.
A sociedade pública ten depositado ante o Ministerio de Medio Ambiente un aval bancario de 901.000 euros para emendar os danos causados en Carabuxeira trala construción do Porto Deportivo Juan Carlos I, "aval que recuperaremos unha vez realizada a obra", apuntou Salvador Durán.
Relacionadas:
-
Nauta insta a Costas a executar a rexeneración da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Avanzan os trámites para licitar as obras de rexeneración da praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
A Xunta bota balóns fóra sobre a 'pataca quente' da Carabuxeira en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Acondicionan os accesos á praia de Carabuxeira, danados tralos temporais do inverno
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo pedirá un crédito para financiar a rexeneración da praia de Carabuxeira
Por Redacción |