Outro corte de auga para revisar a nova subministración a Pontevedra e os concellos da ría
Por Redacción
Os veciños da zona leste da cidade volverán a estar afectados por un novo corte na subministración de auga potable. O Concello de Pontevedra recibiu nas últimas horas un aviso por parte da empresa Acuaes, que está a facer probas na estación depuradora e nas conducións da auga, de que se procederá a cortar o servizo na noite do luns 15 ao martes 16 de decembro.
O goberno municipal manterá, igual que na ocasión anterior, un seguimento especial para este novo corte que comezará ás 00.00 horas do martes e rematará, segundo as previsións, ás 05.00 horas, polo que o Concello estima que se poderá restablecer a totalidade do servizo antes das 07.00 horas. Terá, previsiblemente, un efecto aínda menor que o que se produciu hai varias semanas.
Como na pasada vez, o Concello e a empresa concesionaria tratarán de restablecer o servizo o máis axiña posible, aínda que se trata dunha operación complexa.
A afección no Concello de Pontevedra será no leste da cidade. O punto de corte será, aproximadamente, a vía do tren polo que se verán afectados os barrios de Monte Porreiro, toda a zona leste con Loureiro Crespo ata a estación, a avenida da Estación, a avenida de Vigo dende Fernández Ladreda, e tamén toda a zona de San Brais, en Salcedo.
Tamén lle afectará aos concellos de Marín, Bueu, Poio e Sanxenxo.
A pesar de que o groso da cidade non se ve afectado por este corte, o concelleiro Raimundo González fai un chamamento aos veciños que si disporán de servizo para que fagan un consumo mesurado durante as horas do corte e tamén durante a reposición do servizo.