Reestablecen completamente o abastecemento de auga tras un corte nocturno sen incidencias
Por Redacción
Sen incidencias e unha menor afección do que se pensou inicialmente. Así transcorreu o corte na subministración de auga en Pontevedra desta pasada madrugada. Segundo informou o goberno municipal, o servizo de auga potable restableceuse a primeira hora da mañá en todas as zonas afectadas e tamén nos concellos de Marín, Poio, Sanxenxo e Bueu.
O operativo especial fixado polo Concello e a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, Viaqua, para conectar á rede xeral a ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada en Lérez, apenas se sentiu na cidade.
O servizo cortouse ás 23.00 horas do luns e os traballos de conexión remataron ás 06.00 horas da mañá do martes, segundo os datos de Viaqua. A previsión era que os traballos rematasen ás 08.00 horas.
Contra as 09.00 horas xa estaba todo o servizo restablecido.
Grazas a estes traballos, Pontevedra e os concellos da ría aos que a cidade lles subministra a auga contan con "máis fluxo e calidade" na auga que reciben, segundo Raimundo González, e cando se finalicen todas as obras de Acuaes, completarase o novo sistema de abastecemento.