Os socialistas denuncian que o presidente da Deputación utiliza o seu cargo para facer campaña na Federación Galega de Fútbol
Por Redacción
A portavoz de Deportes do grupo socialista, Carmen Acuña, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para denunciar que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, "está a utilizar o seu cargo para promocionarse como aspirante a dirixir a Federación Galega de Fútbol".
A deputada socialista explica que a Federación Galega de Fútbol, maioritaria en Galicia, aglutina a mais de 60.000 persoas con licenza federativa, e ten iniciado un proceso de renovación da dirección no que votarán un total de 150 asembleístas en representación de clubes, técnicos, árbitros e xogadores que "están a ser sucesivamente convocados a amables encontros co presidente da Deputación Provincial".
Acuña presentou unha interpelación na que acusa a Louzán de utilizar "de forma espuria" o seu cargo institucional "para facer campaña electoral con toda naturalidade, total impunidade e ilimitado descaro". A responsable socialista esíxelle ao goberno galego que explique si esta actuación dun representante político do PP "encaixa no código ético que tanto anuncia o señor Feijóo".
A responsable socialista advirte que, "logo de encher a provincia de campos de herba artificial financiados pola Deputación Provincial", o propio Louzán está a realizar unha rolda de contactos entre os asembleístas con dereito a voto na Federación Galega de Fútbol "co importante matiz de que os convoca como presidente da entidade provincial".
Carmen Acuña quere que o goberno galego dea conta na Cámara autonómica dos campos de herba artificial que ten financiado a Deputación baixo a dirección de Louzán, cantas instalacións financiadas pola institución provincial son utilizadas polos asembleístas con dereito a voto e cantas subvencións concede a clubes, técnicos, árbitros ou xogadores que van participar como asembleístas con dereito a voto.
Relacionadas:
-
Louzán, optimista ante as eleccións á presidencia da Federación Galega de Fútbol
Por Diego Espiño |
-
Rafael Louzán confirma a súa candidatura á presidencia da Federación Galega de Fútbol
Por Alejandro Espiño |
-
As eleccións á Federación Galega de Fútbol arrancan en Pontevedra coa visita de Juan Vázquez
Por Redacción |
-
Louzán sopesa presentarse á presidencia da Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |