Malestar nas familias dos fusilados o 12 de novembro de 1936 pola estatua que prevé recordalos
Por Redacción
Xa era coñecido que o Concello de Pontevedra encargara a Sergio Portela a creación dun conxunto escultórico en recordo dos fusilados o 12 de novembro de 1936. Instalarase en breve na praza José Adrio, coñecida popularmente como a 'pasarela'. Pero ata agora ninguén verbalizara o malestar que, aparentemente, existe entre algunhas das familias das vítimas ante esta actuación.
Fíxoo este xoves o concelleiro Luis Bará, quen criticou abertamente o proxecto impulsado polo grupo municipal socialista. Máis alá de valorar a escultura en si ou a estética que terá, o edil nacionalista lamentou que non se consultase coas familias este asunto. "Boto de menos que se contase máis coas familias", dixo. Asegurou ter recibido queixas ou mostras de malestar por algunhas delas "porque non saben nada desta homenaxe".
Bará entende que aínda se está a tempo de solucionar este "esquecemento" e cre que "sería de agradecer". Especialmente porque tamén o motivo elixido para a estatua, que inclúe un anxo, "pode xerar algún tipo de malestar".
Con respecto a esta denuncia pública, Antón Louro lamentou que o seu compañeiro no goberno municipal utilice a memoria histórica "para un fin partidista". Negou que non se falase coas familias, aínda que recoñece que "evidentemente non con todas, senón coas que actúan como voceiros deste colectivo"; pero reiterou que se trata dun monumento cívico e que "non ten base relixiosa algunha".
O voceiro socialista sinalou que este conxunto escultórico está "en fase de realización", o que provocou o atraso do acto de homenaxe que, anualmente, se celebra o 12 de novembro para recordar a memoria destes represaliados.
Precisamente, tras realizar estas declaracións o PSdeG-PSOE anunciou que este venres o escultor Sergio Portela presentará publicamente o deseño do monumento que recordará aos fusilados en 1936. Será nunha presentación na que estará tamén Antón Louro.
Relacionadas:
-
O monumento en memoria dos fusilados xa ilumina a pasarela do 12 de novembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un monolito de sete metros, feito en pedra e bronce, recordará os fusilados do 12 de novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Atrasan a homenaxe os fusilados en 1936 para facela coincidir coa inauguración da súa escultura
Por Redacción |
-
Sergio Portela deseñará o conxunto escultórico en recordo aos fusilados o 12 de novembro de 1936
Por Redacción |