O monumento en memoria dos fusilados xa ilumina a pasarela do 12 de novembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O conxunto escultórico en memoria dos dez fusilados o 12 de novembro de 1936 resplandece sobre a pasarela peonil da rúa que leva esa data como denominación. O acto de inauguración contou coa presenza do escultor autor da obra, Sergio Portela, que se encontraba acompañado polo seu pai, o arquitecto César Portela.
O artista destacou que pretendera crear un traballo no que intentou dignificar as vítimas daquela barbarie "dunha forma doce" a través dunha mole de granito de sete metros de alto no que se recollen os nomes dos dez homenaxeados: o capitán Juan Rico Gonzále; o impresor Ramiro Paz Carvajal; o avogado José Adrio Barreiro; os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana; os mestres Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rei Pavón e o xornalista Víctor Casas Rey. Algúns familiares das vítimas asistiron ao emotivo acto.
Na base represéntase a polémica figura que criticou o concelleiro nacionalista Luis Bará ao entender que representaba un anxo. Non obstante, Sergio Portela sinala que se trata dunha fada da mitoloxía celta que realiza labores de mediadora entre os vivos e os mortos. Apuntou que quen criticase esa escultura sen tela visto é "un cretino".
Durante o acto, o primeiro en dirixirse aos asistentes foi o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, promotor desta iniciativa. Destacou que os homenaxeados son "memoria viva de Pontevedra, de Galicia e de España, memoria viva da loita pola Democracia e pola Liberdade". Engadiu que se trata dun monumento civil "de todos e para todos" e recordou que "Pontevedra enriquece dende hoxe o seu patrimonio urbano, o seu patrimonio cultural e artístico e, fundamentalmente, o seu patrimonio ético".
O historiador Xosé Fortes tamén tivo palabras de recordo cara ás vítimas e realizou unha alegación á memoria: somos o que somos porque temos un pasado". Gonzalo Adrio, fillo de José Adrio, non puido asistir ao evento porque sofre un proceso gripal e aos seus 95 anos, indicou o seu sobriño José Luis Adrio que leu as liñas escritas polo propio Gonzalo no que destacaba a importancia de "mantener eternamente vivos sus recuerdos" e que esperaba que o monumento servise para honrar aos miles de homes e mulleres executados por defender a República, a liberdade e a democracia: "ellos son héroes anónimos".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pechou a quenda de intervencións reclamando que "siga viva a súa memoria, para que a intolerancia e a barbarie nunca máis poidan tronzar os anceios de paz e para que o seu exemplo nos axude a construir un futuro de xustiza e de prosperiade para todos".
O acto concluíu coa interpretación do himno galego a cargo dun grupo de gaitas. Entre os asistentes atopábanse, entre outros, os concelleiros socialistas Agustín Hernández e Carlota Román; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro; o deputado Guillermo Meijón; o alcalde de Vilaboa, Luis Poceiro; o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal; o presidente da Federación de Veciños Castelao, Verísimo Pazos e destacadas figuras das filas socialistas en Pontevedra como Roberto Taboada, Teresa Casal ou José Antonio García Lores "Cáceres".
Relacionadas:
-
Unha ofrenda floral lembrará o xoves o 79 aniversario dos fusilamentos do 12 de novembro
Por Redacción |
-
O 'Senso Sublime' do artista polifacético Sergio Portela explora o Sexto edificio do Museo
Por Anxo Lourido |
-
Un monumento para incrementar o patrimonio ético de Pontevedra
Por Redacción |
-
Un monolito de sete metros, feito en pedra e bronce, recordará os fusilados do 12 de novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Malestar nas familias dos fusilados o 12 de novembro de 1936 pola estatua que prevé recordalos
Por Redacción |
-
Sergio Portela deseñará o conxunto escultórico en recordo aos fusilados o 12 de novembro de 1936
Por Redacción |
-
Un conxunto escultórico na pasarela Adrio Barreiro recordará os fusilados o 12 de novembro de 1936
Por Alejandro Espiño |