Rueda entende a inquietude de ENCE por despexar a incerteza sobre o seu futuro
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que a dirección da empresa Ence trasladou ao Executivo Autonómico a súa inquietude por despexar "canto antes " a "incerteza" sobre a prórroga da concesión na ría de Pontevedra" que caduca en 2018. "Eu entendo esa inquietude. Somos conscientes, porque así nolo trasladou a empresa" recoñeceu Rueda. "ÿ lóxico porque as empresas o que queren é certeza e canto antes saber cal vai ser o seu futuro".
Rueda fixo estas declaracións na delegación da Xunta en Pontevedra tras unha entrevista cos representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE Pontevedra).
Alfonso Rueda informou que "xa lle trasladamos á empresa nesas conversas que os tempos para emitir o informe non os pode marcar unha das partes interesadas", dixo en referencia á dirección do grupo pasteiro, "pode dar a súa opinión, pero os tempos correspóndelle marcalos a quen ten que emitir ese informe que agora mesmo nin sequera se solicitou".
A solicitude de prórroga de Ence permanece en suspenso dende que o Ministerio de Medio Ambiente deu orde de incoar o expediente de caducidade ordenado polo Tribunal Supremo. O novo regulamento da Lei de Costas establece un tope de 18 meses para resolver este tipo de documentos, o que sitúa a principios de 2016 o tope do prazo para a toma da decisión.
"Ence nos ten trasladado o seu interese porque canto antes se resolva este asunto"
O vicepresidente galego mostrouse moi comprensivo co nerviosismo do grupo empresarial "si que é certo que Ence nos ten trasladado o seu interese porque canto antes se resolva este asunto e eu entendo perfectamente a súa inquietude".
Alfonso Rueda insistiu en que a xeración de emprego vai ser un "factor importante a ter en conta" pola Xunta á hora de emitir o seu informe sobre a prórroga da concesión dos terreos que ocupa a fábrica de ENCE na ría de Pontevedra.
Rueda recoñeceu que "dende logo ten incidencia ambiental", xa que o informe se solicita por parte do Ministerio de Medio Ambiente, "pero a Xunta terá en conta todo o que supón Ence en Pontevedra".
O informe solicitarase cando se resolva o asunto que está formulado agora mesmo sobre o expediente de concesión, "aínda non se ten solicitado o informe á Xunta de Galicia", confirmou o vicepresidente. "Cando se emita farase tendo en conta as circunstancias dese momento e tamén as circunstancias de emprego e o que supón dende o punto de vista socioeconómico para a bisbarra de Pontevedra", engadiu.
Relacionadas:
-
A ministra reserva a decisión sobre ENCE ata resolver o expediente de caducidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O BNG de Marín critica a falta de diálogo da alcaldesa no expediente de caducidade de ENCE
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra considera "esperanzador" a ampliación das causas de caducidade de Ence
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG acudirá a Fiscalía para denunciar unha suposta "trama" entre cargos do PP e Ence
Por Redacción |
-
AGE denuncia que o PP manobra para manter Ence na ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
ENCE paraliza investimentos por 45 millóns en Lourizán ata saber se lle renovan a concesión
Por Redacción |