O Concello de Pontevedra considera "esperanzador" a ampliación das causas de caducidade de Ence
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra reuniuse este venres de xeito extraordinario para aprobar, por unanimidade, o escrito de alegacións que presenta ao expediente de caducidade da concesión que permite a Ence manterse na súa actual situación de Lourizán.
"En principio é esperanzador" este proceso aberto pola Dirección Xeral de Costas, dixo o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.
Este venres 23 de xaneiro rematou o prazo para que as partes interesadas presentasen as súas alegacións tras ampliar o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, as causas de caducidade desta concesión incluíndo "posibles incumprimentos na redución da toxicidade".
Ademais do Concello de Pontevedra este oficio foi trasladado polo Servizo Provincial de Costas de Pontevedra á Xunta de Galicia e tamén aos concellos de Marín e Poio, ademais da asociación Salvemos Pontevedra, autora do recurso formulado ante a Audiencia Nacional que ordenou en sentenza xudicial ao Ministerio a incoar este proceso.
César Mosquera definiu este procedemento como "interesante, sorprendente e relevante" e explicou que o contido da alegación do goberno municipal "amplía e documenta os motivos en que se pode fundamentar a caducidade e solicita que se recuperen os terreos para dominio público marítimo terrestre e disfrute da cidadanía".
Entre outras razóns alégase que Ence alterou a finalidade do título concesional coas actividades que vén desenvolvendo en Lourizán, en concreto, refírese á estación depuradora, a planta de coxeración de enerxía eléctrica, o emisario submarino, un edificio para o comedor do persoal, a planta de tratamento de augas residuais e a unhas instalacións deportivas.
O goberno local recorda que Ence foi condenada por delito ambiental para xustificar os "posibles incumprimentos en relación coa adopción de medidas para reducir a toxicidade das augas residuais ata os límites que permitan a vida do marisco e da pesca, e coa adopción das precaucións necesarias para evitar malos olores, fumes, po, gases tóxicos e cantas circunstancias poidan ser molestas para a veciñanza e nocivas para a saúde".
A este respecto tamén se fai referencia ás catro balsas de decantación en desuso "sen que por parte de Ence exista un plan de recuperación idóneo".
Por outra parte, inclúese entre as alegacións que non houbo transferencia da concesión cando a Empresa Nacional de Celulosas pasou de ser unha entidade pública a ser de titularidade privada.
Finalmente, o Concello de Pontevedra recorda que o Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio "ainda que con certa ambigüedade, expresan a vontade clara de que a partires do ano 2018 eses terreos se recuperen para uso público".
POIO E MARÍN
Nos últimos días o goberno local do Concello de Poio (BNG-PSOE) púxose en contacto co de Pontevedra para coñecer o sentido da súa alegación e resolver no mesmo sentido. Igualmente o grupo municipal do BNG en Marín pediu unha copia do escrito de alegacións pontevedrés para impulsar unha resposta idéntica dende este concello veciño, non obstante, no seu escrito o Concello de Marín unicamente pide que se respecte a seguridade xurídica da estación depuradora de Praceres e do emisario submarino da marxe esquerda da ría, que afectan ao municipio de Marín.
Relacionadas:
-
Lores, irónico sobre Moreira: "Debe ser o único pontevedrés que non ten unha postura sobre ENCE"
Por Alejandro Espiño |
-
A ministra reserva a decisión sobre ENCE ata resolver o expediente de caducidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PSOE reprocha ao Goberno que siga dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro de ENCE
Por Redacción |
-
O BNG de Marín critica a falta de diálogo da alcaldesa no expediente de caducidade de ENCE
Por Redacción |
-
O Estado inclúe "posibles incumprimentos na redución da toxicidade" no expediente de caducidade de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Unha biorrefinería en Lourizán?
Por Oskar Viéitez |
-
AGE denuncia que o PP manobra para manter Ence na ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Rueda entende a inquietude de ENCE por despexar a incerteza sobre o seu futuro
Por Oskar Viéitez |