A incerteza sobre o seu futuro leva os traballadores do Diario de Pontevedra a iniciar unha folga
Por Redacción
Os preto de 60 traballadores do Diario de Pontevedra están chamados este mércores 5 a partir das 9.00 da mañá a participar na folga convocada polo comité de empresa despois dos dez despedimentos, sete traballadores e tres bolseiros, que se realizaron durante a semana pasada, sete días despois de que a empresa, a través do conselleiro executivo, Antonio de Cora, tivese trasladado aos sindicatos que os resultados económicos estaban a ser positivos.
Xaquín Agulla, representante da CIG, indicou que a empresa incumpre de xeito sistemático os acordos cos traballadores ata o punto de que a decisión de levar a cabo os despedimentos resultou sorprendente xa que o persoal leva asumindo, durante tres anos, medidas de recortes: un expediente de regulación de emprego que afectaba nun 15% da súa xornada laboral e dende 2012 un acordo de conxelación económica, medidas asumidas para evitar que se producise unha redución do equipo. Non obstante, a empresa adoptou unha postura "de belixerancia", segundo Agulla, ao levar a cabo os despedimentos seis meses despois do acordo.
Segundo os representantes sindicais, o éxito da convocatoria de folga neste medio de comunicación está garantido porque na asemblea na que se convocou só se rexistrou un voto en contra.
Os representantes sindicais volverán manter un encontro ás 11.00 horas deste mércores coa empresa para intentar chegar a un acordo que garanta a continuidade laboral dos traballadores durante os próximos anos. Agulla apuntou que, entre outras medidas, pedirán que quede sen efecto a conxelación salarial. Polo momento, a empresa ofrece garantías de estabilidade laboral durante 2015, un período que resulta insuficiente para os sindicatos. Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, indicou que a empresa, dende a dirección de El Progreso en Lugo, intenta aproveitar a actual lexislación laboral para reducir o persoal.
Dende o comité de empresa piden a solidariedade aos lectores e solicitan que, durante a semana de folga, non merquen o xornal porque non estará elaborado polos profesionais do medio. Serafín Alonso, secretario do comité de empresa, realizou un chamamento ás institucións públicas para que as axudas que destinan aos medios de comunicación se liguen ao mantemento dos postos de traballo.
Os traballadores realizarán concentracións de 11.00 a 12.00 horas na Praza da Peregrina durante a folga, agás este mércores 5 que se concentrarán na rúa Lepanto diante das instalacións do Diario de Pontevedra durante toda a xornada coincidindo co inicio da folga.