Afectaría á continuidade de ENCE a inclusión de Tambo no Parque Nacional Illas Atlánticas?
Por Redacción
Afectaría á continuidade de Ence a inclusión de Tambo no Parque Nacional Illas Atlánticas? A pregunta quedou este venres no aire no Pleno da Corporación da Deputación Provincial de Pontevedra, que debateu e aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo provincial do PP para que se inclúa a Illa de Tambo no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Os grupos provinciais do PSdeG-PSOE e o BNG apoiaron a moción, que acorda iniciar todas as xestións necesarias diante das administracións competentes para a inclusión de Tambo no Parque Nacional, contribuíndo a poñer en valor tanto a súa riqueza paisaxística como histórica. Acorda, ademais, que a inclusión se faga respectando os traballos que tradicionalmente se veñen realizando no seu contorno e salvagardando o uso dos bancos marisqueiros situados no contorno da illa.
O presidente provincial, Rafael Louzán, defende a necesidade de adoptar esta medida porque na actualidade "non está tan ben aproveitado o recurso como se debería". Os representantes nacionalista e socialista, César Mosquera e Francisco Veiga, están dacordo con esa visión, pero van máis alá e defenderon no Pleno a vantaxe que isto suporá de cara a protexer Tambo e a Ría de Pontevedra en xeral do impacto do complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán e na súa contorna.
Mosquera recordou que a proposta xa a realizou o BNG "hai moitos anos", pero contou coa "oposición frontal das outras forzas políticas". Agora que o resto tamén a apoian, aplaude o cambio de postura, pero pregúntase si "realmente os efectos desta integración están considerados, valorados" polo grupo do Partido Popular á hora de levar a moción ao Pleno, pois "no entorno do Parque Nacional non se pode instalar un complexo como o de Ence-Elnosa".
César Mosquera: "Vai cambiar a historia do fondo da Ría de Pontevedra"
Veiga pregúntase si é que o PP "cambiou de posición" en relación coa continuidade de Ence e Elnosa, pois todo o entorno do Parque Nacional "ten que ter unha protección especial" e sinala que, nese caso, "é un cambio de postura que aplaudimos".
En caso de que a inclusión no Parque Nacional se consume, Mosquera opina que "vai cambiar a historia do fondo da Ría de Pontevedra" e Francisco Veiga que resultará "interesante" para toda a Ría e, por extensión, a provincia de Pontevedra. En resposta ás intervencións do nacionalista e o socialista, en nome do PP falou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que agradeceu "o entusiasmo" do BNG e "o aplauso" do PSOE, pero sinalou que "no tema de Ence non me vou a meter".
Un traballo de campo desenvolvido ao longo do pasado mes de xullo en Tambo por investigadores da Universidade de Vigo concluíu que a proximidade do complexo industrial Ence-Elnosa supón "un problema que limita as aspiracións de protección ambiental da illa e da súa contorna", segundo avanzou o director da investigación, o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Terrritorio Gonzalo Méndez.
Relacionadas:
-
Reclaman a "maior das proteccións posibles" para a illa de Tambo e a súa inclusión nas Illas Atlánticas
Por Redacción |
-
Meijón insiste ante o Goberno para coñecer os plans futuros que ten para Tambo
Por Redacción |
-
Unha biorrefinería en Lourizán?
Por Oskar Viéitez |
-
Guillermo Meijon pide no Congreso a inclusión da illa de Tambo no parque nacional das Illas Atlánticas
Por Redacción |
-
O PP solicitará a inclusión da illa de Tambo no Parque Nacional das Illas Atlánticas
Por Oskar Viéitez |
-
A proximidade de ENCE limita a protección ambiental de Tambo, segundo un estudo universitario
Por Redacción |