Reclaman a "maior das proteccións posibles" para a illa de Tambo e a súa inclusión nas Illas Atlánticas
Por Redacción
A illa de Tambo debe contar coa "maior das proteccións posibles" e integrarse no parque nacional das Illas Atlánticas. Esa é a reivindicación que realizou este domingo a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra.
Así o manifestou o presidente do colectivo, Antón Masa, que xunto con outros membros de APDR protagonizaron unha acción simbólica de limpeza da praia da illa e unha visita ás edificacións relixiosas, civís e militares que aínda se conservan no seu ámbito.
Actualmente, recordou Antón Masa, a illa de Tambo está desafectada militarmente, pero o Exército aínda non a traspasou a ningunha administración.
Neste sentido, a organización ecoloxista propón crear en Tambo unha escola de interpretación da ría de Pontevedra para dar a coñecer o sistema das mareas e as correntes, así como concienciar á cidadanía dos seus valores fronte aos prexuízos causados polos recheos portuarios e as verteduras contaminantes.
Antón Masa mostrouse partidario de recuperar para "uso e desfrute da cidadanía" a illa de Tambo, pero de forma "regulada".
En todo caso, a APDR sinala que para todos estes plans, especialmente para a inclusión da illa no parque nacional, hai unha "principal traba", a presenza do complexo industrial de Lourizán. "A ría non se pode trasladar e o complexo ENCE-Elnosa si", afirmou Masa, convencido de que Pontevedra debe apostar por un modelo baseado nos recursos marisqueiros, forestais e turísticos.
Relacionadas:
-
Os nenos de Poio coñecen a flora e a fauna das Illas Atlánticas
Por Redacción |
-
Meijón insiste ante o Goberno para coñecer os plans futuros que ten para Tambo
Por Redacción |
-
Guillermo Meijon pide no Congreso a inclusión da illa de Tambo no parque nacional das Illas Atlánticas
Por Redacción |
-
Afectaría á continuidade de ENCE a inclusión de Tambo no Parque Nacional Illas Atlánticas?
Por Redacción |